O incendio de Pantón avanza tras queimar oito casas e o do Bolo queda controlado
As lapas levan arrasadas máis de 2.000 hectáreas no concello lucense e 250 no ourensán
Continúa activo o incendio declarado na parroquia do Trobo, na Fonsagrada
Arestora non hai ningunha poboación confinada ou evacuada, segundo o 112
Continúa o avance do incendio forestal declarado este xoves ás 14:16 horas na parroquia de Pombeiro, no concello de Pantón, no que se mantén activada a situación 2 pola súa proximidade a Lornís.
Houbo desaloxos durante a noite e na aldea de San Román de Acedre arderon oito casas, catro delas habitadas. Os equipos de extinción traballan para perimetrar este lume que leva arrasadas máis de 2.000 hectáreas, parte delas no termo municipal de Sober.
Para a extinción das lapas mobilizáronse 12 técnicos, 85 axentes, 112 brigadas, 73 motobombas, 9 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 14 helicópteros, 12 avións e efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, estivo este sábado no posto de mando avanzado de Ferreira de Pantón para seguir de primeira man o traballo dos equipos de extinción.
Os técnicos do servizo contra incendios explicáronlle as tarefas que realizaron nas últimas horas as brigadas para evitar que o lume chegase ás casas.

Incendio do Bolo
Pola súa banda, o incendio declarado o xoves na parroquia de Vilaseco, no concello do Bolo, quedou controlado ás 19:20 horas tras queimar unha superficie de 250 hectáreas.
Ademais, desactivouse a situación 2 decretada de xeito preventivo pola súa proximidade ao núcleo de Santa Cruz, medida reactivada na tarde do venres tras empeorar as condicións meteorolóxicas.
Neste caso, mobilizáronse 3 técnicos, 23 axentes, 39 brigadas, 26 motobombas, 3 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 6 helicópteros, 11 avións e efectivos da UME.
Lume na Fonsagrada
Ademais, continúa activo o incendio declarado ás 2:25 horas deste sábado na parroquia do Trobo, no concello da Fonsagrada. Segundo as últimas estimacións, polo momento leva queimadas unhas 30 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 7 axentes, 13 brigadas, 9 motobombas, 1 pa e tres helicópteros.
Segundo as últimas informacións do 112, arestora non hai ningunha poboación confinada ou evacuada.

Bombeiro ferido
Por outra banda, un bombeiro forestal quedou ferido este venres tras sufrir un mareo e estúdase a súa relación cun posible golpe de calor, segundo informa o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE).
Tras o incidente, foi trasladado ao hospital de Ourense. O home traballaba na extinción dun lume declarado este venres en Xunqueira de Ambía, que quedou extinguido na mesma xornada.