Publicador de contidos

Publicador de contidos

Veciños da Peregrina, en Santiago, denuncian problemas polas obras de ampliación da estrada

Veciños da Peregrina, en Santiago, denuncian problemas polas obras de ampliación da estrada

Sosteñen que varias casas corren risco de inundación ao quedar baixo o nivel da vía

Auguran problemas de seguridade viaria e piden medidas para calmar o tráfico

 

 

 

G24.gal 01/09/2025 14:29

Xa van tres anos de obras nesta estrada da Peregrina e tamén de pesadelo para os veciños da parroquia. Sobre todo para os que viven nas casas que quedaron afundidas polo novo nivel da vía.

"Eu antes saía da casa e estaba a ras da estrada, agora xa ves o desnivel que colleu por culpa da obra. En canto chove catro pingas, a auga chega ao soto", conta un deles.

"Non só levantaron o nivel, tamén fixeron que a estrada verta toda a auga contra a nosa propiedade. Deixaron a estrada sen drenaxe neste lateral. É unha deficiencia da que vimos advertindo reiteradamente á dirección da obra, pero non nos fan caso", din dous veciños afectados.

Para mostra, un vídeo gravado nas últimas horas desde outra das vivendas afectadas. A Deputación da Coruña, da que depende a estrada, comprometeuse a poñer sumidoiros de reixa se o problema persiste unha vez rematada a obra. Pero os veciños están fartos de promesas.

"Agora é o momento de arranxalo, agora que están as máquinas. É un problema que xa sabemos que existe, que poñan as reixas agora e canalicen as augas pluviais, que o fagan antes de que remate a obra", demanda José Antonio Gallas, o presidente da Asociación de veciños Río Sarela.

"Cando chove todo o escombro acumulado atasca o sumidoiro. Tiraron o monólito da auga e da luz e deixaron o escombro, e as arquetas novas xa están rotas", lamenta outra veciña.

Outra das grandes preocupacións é a seguridade viaria. Ducias de camións transitan a gran velocidade pola recta, e temen que coa ampliación da vía a cousa vaia a peor. O proxecto non contempla facer beirarrúas, senón unha senda peonil que non convence os veciños. Tampouco cren que a solución sexa a instalación dun radar.

"Isto debería considerarse unha travesía urbana porque hai moita casa. Teñen que poñer pasos de peóns e lombas no asfalto que fagan que os vehículos vaian a 50, o sinal está pero non o respectan", comenta o presidente da asociación veciñal.

"Pasan moi rápido, cruzar a estrada para coller o bus na parada é imposible", engade outra afectada.

Piden tamén reforzar a sinalización na entrada da vía, xa que ese tramo vai quedar sen ampliar e pode ter un maior risco de accidentes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade