Parte do leste de España segue padecendo os rigores da DINA Alice
A AEMET advirte de risco importante por chuvia e tormentas no oeste Mallorca e no sur de Tarragona
Tamén hai avisos amarelos noutros puntos de Cataluña, das Baleares e da Comunidade Valenciana
Efectivos da UME partiron onte ao serán, a petición do Goberno balear, da súa base en Valencia a Eivisa para facer fronte ás inundacións na illa. Os militares traballan alí desde as cinco da mañá.
O arquipélago sufriu cortes eléctricos, peches de estradas e cancelacións e atrasos de voos.
"Temos que dar as grazas á poboación polo seu comportamento, que xunto á suspensión de actividades ao aire libre que ditamos, permitiu que non teñamos ningún incidente reseñable respecto a danos persoais", subliñou o director de Emerxencias e Interior das illas, Pablo Gárriz.
Debido ás trombas caídas esta mesma mañá aínda houbo que facer rescates. A Garda Civil, por exemplo, auxiliou o condutor dun coche. Nun polígono industrial tamén levaron un bo susto.
"En cuestión e quince minutos encheuse todo ata arriba. As portas non se podían abrir nin pechar. A auga levaba unha persoa que estaba aquí. Rescatámola o meu compañeiro e eu", explica un traballador.
Arestora, a Aemet xa retirou os avisos en Eivisa e Formentera pero Mallorca mantén a metade oeste en risco importante por chuvias e tormentas ata ás seis da tarde e o resto en aviso amarelo, igual que Menorca.
Na Comunidade Valenciana tamén se pasou a aviso amarelo, en Castelló e en Valencia, logo dunha noite de tensión e dunha mañá aínda con tormentas illadas moi fortes.
"Desde a DINA isto prodúcenos moito medo", confesa un veciño.
En Cataluña preocupa sobre todo a provincia de Tarragona, onde se prognostican acumulacións de 40 litros de auga por metro cadrado nunha hora.