Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ata un cento de desaloxos en Cartaxena por mor da forte chuvia da dina Alice

Ata un cento de desaloxos en Cartaxena por mor da forte chuvia da dina Alice

A Aemet ten en aviso vermello o litoral de Murcia e o sur de Alacant

Un cámping do Mar Menor e as instalacións de Navantia son algúns dos lugares desaloxados

Prevese que Alice manteña en risco o litoral de Levante varios días máis 

G24.gal 10/10/2025 15:08 Última actualización 10/10/2025 20:02

A dina Alice puxo este venres en aviso vermello áreas de Alacante e Murcia, con precipitacións de ata 120 litros por metro cadrado e máis de 100 desaloxos en Cartaxena aínda que sen graves incidencias.

Nalgúns puntos do litoral de Cartaxena rexistráronse 120 litros por metro cadrado e a dina mantén ata a medianoite o máximo nivel de alerta, aviso vermello, aínda que nesa comarca e en Mazarrón non se produciron incidencias graves entre as 189 notificadas no Centro de Coordinación.

Alice levou a esa rexión chuvias extremas de ata 60 litros nunha hora en Mazarrón e o Campo de Cartaxena, e o nivel laranxa está activado no Val do Segura e no do Guadalentín, así como nas localidades de Lorca e Águilas.

En Cartaxena a cifra de desprazados supera xa o centenar, pois 101 persoas recibiron asistencia municipal tras saír de forma preventiva do cámping Vilas Caravaning, da urbanización Baía Bella e do poboado de Algameca Chica.

Nas últimas horas rexistráronse chuvias acumuladas de máis de 100 litros en Cabo de Palos, onde a Axencia Estatal de Meteoroloxía computaba 134 ás 16 horas, A Manga do Mar Menor ou Praia Honda.

O estaleiro de Navantia en Cartaxena tamén resultou afectado, aínda que mantén os servizos mínimos imprescindibles. Doutra banda, suspendeuse a actividade lectiva e dos centros sociais en trece poboacións.

O delegado do Goberno de Murcia, Francisco Lucas, afirmou que "todos os recursos do Estado están perfectamente coordinados, mobilizados e actuando sobre o terreo" e que mentres dure a situación de emerxencia, os ríos, ramblas e leitos serán vixiados presencialmente e de forma permanente.

Os nubeiros que se avistaban no litoral sobre o mar desprazáronse de novo cara á terra Os nubeiros que se avistaban no litoral sobre o mar desprazáronse de novo cara á terra

Na Comunidade Valenciana, o aviso vermello só afecta á provincia de Alacante. Nesa comunidade rexistráronse precipitacións que acumularon preto de 100 litros por metro cadrado en doce horas, con chuivas persistentes e de intensidade moi forte.

 A Confederación Hidrográfica do Xúcar constatou que hai unha "situación de normalidade" nos encoros e, en canto a caudais, non se detectaron rexistros de superación de limiares pero existe perigo de crecidas e inundacións repentinas en leitos e ramblas, polo que pide "moita precaución".

 Pola súa banda, en Baleares, o Comité Técnico Asesor do Plan Meteobal activou os avisos en toda a comunidade por choivas e tormentas e recomendou limitar as actividades deportivas e sociais ao aire libre en Mallorca, Eivissa e Formentera, con chuvascos de ata 60 litros por metro cadrado.

Mantívose a alerta laranxa en Eivissa e Formentera e activouse en Mallorca, mentres que o caso de Menorca púxose en marcha a amarela. A previsión contempla chuivas intensas esta noite e madrugada en Eivissa e Formentera.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar