Publicador de contidos

Publicador de contidos

As análises de augas residuais medirán en Galicia a presenza de dez substancias psicoactivas

As análises de augas residuais medirán en Galicia a presenza de dez substancias psicoactivas

Xunta e universidades asinaron un convenio de colaboración que permite ampliar o catálogo de drogas que se mide 

Agora poderanse detectar ata dez substancias entre as que están a cocaína, cánnabis, ketamina ou fentanilo

EFE/Xoán Rey
G24.gal 10/10/2025 15:20

Representantes da Xunta e da Universidade de Santiago de Compostela asinaron este venres o convenio de colaboración para a análise de augas residuais en procura de ata dez substancias psicoactivas diferentes, algunhas habituais como cocaína ou cánnabis e outras de recente aparición como ketamina ou fentanilo.

Amplíase así o catálogo de drogas medidas neste tipo de estudos, dos que, segundo adiantaron investigadores da USC, prevese que se poidan levar a cabo dúas máis nas depuradoras de Pontevedra, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela e Guillarei (Tui) antes de que termine este ano 2025.

O obxectivo deste proxecto impulsado polo Executivo autonómico é controlar o consumo destas substancias no territorio galego e detectar de forma precoz a aparición de novos produtos para desenvolver estratexias de prevención adecuadas no ámbito da saúde pública.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, defendeu que se debe facer unha "abordaxe integral" da problemática do consumo de drogas para contribuír de maneira efectiva á súa redución e expresou a súa confianza en que estas novas medicións poidan servir como unha "rede sentinela" para detectar a presenza de substancias "novas e antigas" e os seus patróns de consumo.

Pola súa banda, a responsable autonómica de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, destacou a colaboración de Augas de Galicia nestas tarefas e trasladou a súa "preocupación" por atallar o consumo de psicoactivos, algo que non ve posible facer sen "estudos concretos" como o impulsado.

Así mesmo, o reitor da USC, Antonio López, subliñou que estas análises permitirán obter "información moi valiosa para saber que é o que está a pasar na sociedade" e, con estes datos, dar resposta a problemas "cada vez máis complexos" relacionados coas drogas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar