Acepta 4 anos de prisión por acoitelar un individuo, pide perdón e solicita ser excarcerado para tratar as súas adiccións
Acepta 4 anos de prisión por acoitelar un individuo, pide perdón e solicita ser excarcerado para tratar as súas adiccións
Os feitos que hoxe se xulgaban na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra sucederon o 5 de xuño do ano pasado. Acusado e vítima pernoitaban nesta vivenda abandonada. Iniciaron unha discusión e durante a liorta cravoulle unha coitela das usadas en aeromodelismo no pescozo. A vítima logrou facer un torniquete e pedir axuda e o agresor fuxiu, pero foi detido ao pouco.
A fiscalía cualificaba os feitos de delito de homicidio en grao de tentativa, polo que solicitaba unha pena de 8 anos de prisión, a prohibición de achegarse a menos de 100 metros da vítima nin comunicarse con el durante 8 anos e unha inmennización de 10.000 euros.
As partes negociaron un acordo que rebaixa a pena. Na vista de conformidade celebrada esta mañá, o acusado recoñeceu ser o autor dos feitos, pediulle perdón á vítima e solicitou ser excarcerado para poder tratar a súa adición ás drogas.
O acordo reduce a pena de prisión a 4 anos, a prohibición de achegamento e comunicación a 5 e a indemnización a 3.000 euros. A Fiscalía tivo en conta as atenuantes de reparación do dano, porque o acusado xa consignou os cartos, a alteración psíquica do acusado por estar baixo os efectos das drogas e o alcol e a confesión.
A defensa agarda lograr o seu excarceramento para que poida seguir un tratamento de desintoxicación.
O caso quedou visto para sentenza e o acusado foi trasladado de novo á prisión.