Publicador de contidos

Publicador de contidos

A UME e un reforzo da Garda Civil afrontan os efectos da dina en Eivisa

A UME e un reforzo da Garda Civil afrontan os efectos da dina en Eivisa

Aena cancelou catro voos no aeroporto de Eivissa e desviou outros oito

O continxente da UME está formado por 150 persoas e 68 vehículos

O 112 atendeu 170 incidentes en Baleares pola DINA

Rúas asolagadas en Eivissa. Foto: EFE/ T. Escobar
G24.gal 12/10/2025 11:12 Última actualización 12/10/2025 13:15

Un continxente de 150 persoas e 68 vehículos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) e axentes da Garda Civil desprazados como reforzo ata Eivissa traballan este domingo para facer fronte aos efectos e incidentes ocasionados pola DINA Alice na illa.

A UME despregou esta madrugada desde a súa base en Valencia a uns 150 efectivos e 68 vehículos cara a Eivissa, e a Garda Civil mobilizou o sábado unidades do Grupo Especial de Rescate e Intervención en Montaña (Greim) e apoio aéreo, detallou a Delegación do Goberno en Baleares.

O delegado do Goberno nas illas, Alfonso Rodríguez Badal, e a directora insular da Administración Xeral do Estado (AGE) en Eivissa e Formentera, Raquel Guasch, participaron este domingo no seguimento da evolución da DINA que leva a cabo o Centro de Coordinación Operativa Integrado (Cecopi).

Guasch visitou o posto de mando desde o que se coordina o dispositivo de Protección Civil en Eivissa e supervisou a despregadura da UME e dos efectivos da Garda Civil que están a intervir nas zonas con maior incidencia do temporal. Rodríguez Badal suspendeu a súa participación no acto de conmemoración en Menorca da patroa da Garda Civil, e incorporouse á reunión operativa na sede de Emerxencias da comunidade autónoma.

O servizo de Emerxencias 112 alertou das precipitacións intensas e acompañadas de saraiba que afectaron a Eivissa durante a mañá. O Consell de Eivissa avisou de que a estrada do aeroporto quedou cortada ao tráfico. Aena cancelou catro voos no aeroporto de Eivissa e desviou outros oito.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) reactivou este domingo o aviso laranxa por choivas e tormentas nas Pitiuses e o sur e a serra de Tramuntana de Mallorca ata as 18:00 horas por risco importante de precipitacións acumuladas nunha hora de 40 mm. O Govern tamén mantén activados o Plan Meteobal en situación de Índice de Gravidade 1 (IG1) e o Plan Inunbal en Situación Operativa 2 (SO2) en Eivissa e Formentera

O 112 atendeu 170 incidentes 

Unha persoa tivo que ser rescatada tras quedar atrapada no seu vehículo nun paso subterráneo por mor das choivas torrenciais. A persoa foi extraída polas portas traseiras por gardas civís de Tráfico e trasladada para atención sanitaria. O centro de coordinación de emerxencias do 112 rexistrou 170 incidentes en Baleares desde o inicio do paso da dina Alice polas illas o xoves pasado ata este domingo, a maioría deles en Eivissa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade