Publicador de contidos

Publicador de contidos

Polo menos 22 mortos por inundacións que afectan o centro e norte de Tailandia

Polo menos 22 mortos por inundacións que afectan o centro e norte de Tailandia

O tifón, que tocou terra o luns no sur da China, provocou fortes precipitacións en Tailandia, Laos e Vietnam

A xente camiña por unha rúa asolagada no medio de fortes chuvieiras provocadas polo tifón Matmo, que deixou vehículos varados, pechou escolas e atrasou voos en Hanoi (REUTERS / Thinh Tien Nguyen) A xente camiña por unha rúa asolagada no medio de fortes chuvieiras provocadas polo tifón Matmo, que deixou vehículos varados, pechou escolas e atrasou voos en Hanoi (REUTERS / Thinh Tien Nguyen)
G24.gal 07/10/2025 08:47

Polo menos 22 persoas perderon a vida en Tailandia por mor das inundacións rexistradas nunha vintena de provincias do centro, norte e nororeste do país, que afectan a case 370.000 persoas, informan este martes as autoridades.

O tifón Matmo, que tocou terra o luns no sur da China, provocou fortes precipitacións en países como Tailandia, Laos e Vietnam, onde se rexistraron inundacións en Hanoi.

O Executivo de Bangkok alertou sobre prognósticos de choivas ata mediados de mes e sinalou que a acumulación de auga podería provocar riadas, corrementos de terra e o desborde da ribeira dos ríos en gran parte do país.

A capital podería verse afectada entre este xoves e o luns da semana que vén debido ao aumento no caudal do río Chao Phraya, que cruza Bangkok ata desembocar no mar, e que coincidirá con marea alta, sinala nun comunicado o Gabinete.

As inundacións son habituais durante a época de choivas entre maio e outubro en Tailandia, aínda que nalgunhas rexións os monzóns tropicais poden durar máis tempo.

En 2011, Tailandia sufriu unha das súas peores inundacións, que custou a vida a 815 persoas e causou miles de millóns de dólares en perdas, debido principalmente ao peche de empresas e danos na agricultura. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade