A alerxia aos ácaros é a de maior incidencia en Galicia en outono
Acadan o seu pico reprodutivo a principios de outubro.
O inicio deste outono con tempo máis ben solleiro está a ser unha boa nova para quen padece alerxia.
A alerxia de maior incidencia nesta época do ano é a provocada por ácaros, que acadan o seu pico reprodutivo a principios de outubro.
"Nesta época é cando chegamos ao 80% ou 90% de humidade e os ácaros aproveitan para reproducirse dentro das vivendas especialmente nos colchóns. Tamén cando removemos a roupa no cambio de roupeiro de verán a inverno aí vai haber moitos ácaros. Tamén nas alfombras. Pero só hai ácaros onde hai humidade", explica Manuel Rial, alergólogo do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.
É a humidade e non o po o que máis condiciona a aparición de ácaros. En Galicia mesmo existe un ácaro vencellado ao rural.
"Nas zonas máis rurais, nos pallotes e os sitios onde se alimentan os animais hai un ácaro de almacenamento que se chama Lepidoglyphus destrutor é moi de Galicia e do Cantábrico, non o hai noutras zonas. Este dá uns síntomas un pouco diferentes porque provoca moitos síntomas de ollos. Normalmente os ácaros non dan tanta conxuntivite, pero este ácaro si", argumenta o alergólogo Manuel Rial.
Á marxe do tratamento médico que se poida precisar, para aliviar os síntomas este especialista recomenda "facer reformas na casa, ou ter deshumidificadores ou tamén os purificadores de aire".
A alerxia aos fungos é menos habitual en Galicia dado que amais de humidade precisan de calor.