Publicador de contidos

Publicador de contidos

Reclaman un transformador para acabar coas caídas de tensión nas aldeas de Irixoa

Reclaman un transformador para acabar coas caídas de tensión nas aldeas de Irixoa

Veciños do Campelo denuncian continuas caídas de tensión e piden solucións

G24.gal 12/10/2025 21:09 Última actualización 12/10/2025 22:18

Na parroquia de Verís, en Irixoa, hai aldeas nas que a electricidade vai e vén. O problema é vello, pero agravouse nos últimos anos, coa chegada de novos habitantes que demandan un servizo adaptado aos tempos, que lles permita vivir, e tamén traballar, no rural.

Na casa de Ricardo Pérez celebraron en familia a festividade do Pilar. El naceu no Campelo e, aínda que parte da semana a pasa na Coruña, este pequeno núcleo de apenas dez habitantes segue sendo o seu fogar e o seu refuxio.

Por iso aplaude a chegada de novos veciños, como Carlos e Eva, unha parella que vive na aldea desde hai dez anos. Teñen unha nena pequena e moitos problemas derivados dos fallos na subministración eléctrica.

"Á hora do baño, quedamos sen luz e á hora da cena, o mesmo: a indución da vitrocerámica dá error, o forno non funciona e o microondas, tampouco", láiase Eva Pividal.

"De noite se prendes o forno e a cociña salta o automático", denuncia Ricardo.

As caídas da tensión agrávanse nos meses do verán e nas fins de semana, cando veñen os veciños cunha segunda residencia aquí. Carlos xa denunciou as deficiencias do servizo hai nove anos. Daquela a distribuidora envioulles un técnico que adiantou unha posible solución.

"Dixo que tiñan que poñer un transformador novo para nós, porque estamos ao final da liña e chega un momento en que non hai electricidade. O transformador non dá para todo o que hai", explica Carlos Montero.

Todo quedou nunha declaración de intencións e por iso os veciños acaban de presentar unha reclamación conxunta en Industria. Agardan que o novo transformador non tarde en ser unha realidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade