Catro concellos de Bergantiños piden solucións ante os repetidos cortes de Internet na zona
Laxe, Cabana, Malpica e Ponteceso presentaron unha queixa conxunta ante Movistar
Os cortes paralizan a actividade económica e administrativa durante horas
Catro cortes de Internet e teléfono no último mes colmaron a paciencia dos veciños de Cabana, Ponteceso, Malpica e Laxe.
Taxistas, comerciantes, colexios, centros de saúde, farmacias quéixanse de que as incidencias os poden deixar paralizados durante horas causando perdas difíciles de compensar.
A propia actividade administrativa dos concellos vese afectada tamén por uns cortes que o operador Movistar xustifica como avarías ou intentos de roubo na liña.
Fartos da situación, os catro concellos fixeron unha reclamación conxunta pedindo solucións ao operador. Non están dispostos a quedar incomunicados nestes tempos en que practicamente todo pasa por un teléfono ou un módem.