Publicador de contidos

Publicador de contidos

Seguen os traballos polo accidente de Adamuz por cuarto día e con moitas incógnitas

Seguen os traballos polo accidente de Adamuz por cuarto día e con moitas incógnitas

Os investigadores tratan de pescudar se había algo na vía ou se era a propia vía a que estaba empezando a romper, segundo sinalou o ministro de Transportes

Corenta e dous dos corenta e tres corpos rescatados xa están identificados

EFE/ David Arjona EFE/ David Arjona
G24.gal 22/01/2026 08:52 Última actualización 22/01/2026 09:50

Os traballos na zona do accidente ferroviario en Adamuz (Córdoba) seguen este xoves, por cuarto día, con moitas incógnitas por aclarar na investigación e con 42 das 43 vítimas xa identificadas.

Os investigadores tratan de pescudar se había algo na vía ou se era a propia vía a que estaba empezando a romper, segundo sinalou o ministro de Transportes Óscar Puente tras as últimas revelacións, que apuntan a que, neste momento, o que parece máis probable é que puidese haber unha rotura de carril ou de soldadura, segundo indicou o presidente da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) Iñaki Barrón.

A investigación tamén revelou a existencia de marcas nas rodas dos vagóns anteriores ao que descarrilou.

Os audios das conversacións do persoal ferroviario desvelan que o condutor do Iryo non foi consciente do choque e que o centro de control da estación de Atocha tentou contactar co maquinista do Alvia, que posiblemente xa falecera. Ante a súa falta de resposta, puideron falar coa interventora, que, en estado de choque, informou de que tiña sangue na cabeza.

Isto é o que se sabe do accidente ata o momento.

Os datos

- O número de vítimas é de 43, das cales 42 xa se identificaron a través das impresións dixitais. A cifra de denuncias de desaparicións continúa sendo 45.

- Seguen ingresadas en distintos hospitais andaluces 31 persoas (28 adultos e tres nenos) tras seis últimas altas hospitalarias. Seis feridos están en diferentes Unidades de Coidados Intensivos (UCI). O total de atencións sanitarias é de 123 (118 adultos e cinco menores).

A investigación

- O ministro de Transportes Óscar Puente explicou que hai marcas nos bogies (a estrutura que está debaixo da carrocería dos trens integrada por eixos e rodas) dos cinco primeiros coches do Iryo.

- Os trens que pasaron máis dunha hora antes do accidente por ese tramo da vía non mostran nas súas rodas as marcas que si presentan os que pasaron despois, incluído o sinistrado.

- A Garda Civil localizou mergullada parcialmente nun regueiro a peza do eixo dun tren atopada preto do lugar do accidente e investiga se procede dun dos trens sinistrados e se pode lanzar algunha pista sobre as causas da traxedia.

Os traballos

- Os operativos técnicos e de emerxencia teñen que partir agora o último vagón do Alvia, o número 3, despois de concluír nos vagóns 1 e 2.

- Cargouse o vagón número oito do Iryo na góndola para a súa retirada da zona.

As reaccións

- Pedro Sánchez e Juanma Moreno acordaron facer unha homenaxe de Estado ás vítimas o sábado 31 de xaneiro en Huelva.

- O sindicato de maquinistas ferroviarios SEMAF convocou unha folga no sector para reclamar que se garanta a seguridade e fiabilidade da rede tras os recentes accidentes rexistrados -Adamuz e Gelida (Barcelona)-, en que faleceron tres maquinistas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade