Publicador de contidos

Publicador de contidos

Atopan marcas na rodadura dos primeiros vagóns do Iryo e en trens que pasaron antes por Adamuz

Atopan marcas na rodadura dos primeiros vagóns do Iryo e en trens que pasaron antes por Adamuz

O ministro Óscar Puente asegura que houbo dúas chamadas do maquinista do Iryo e que o choque se produciu en menos de 9 segundos

A Garda Civil investiga a peza do eixe dun tren atopada preto do lugar do accidente

O maquinista do Iryo advertiu dun "enganchón" e pediu parar o tráfico urxentemente

(EFE/David Arjona)
G24.gal 21/01/2026 11:12 Última actualización 21/01/2026 14:06

O ministro de Transportes, Óscar Puente, confirmou este mércores que hai "marcas" nos bogies (plataforma de eixe e rodas) dos cinco primeiros coches do Iryoaccidentado en Adamuz, que non descarrilaron, e "é posible mesmo e é algo que se está analizado que os dous ou tres trens que pasaron anteriormente teñen marcas similares".

"A cuestión agora é ver por que se produciron esas marcas, que é o que as fixo, se había algo sobre as vías, se era a propia vía que estaba a empezar a romper", aseguraba Puente.

Porén, máis tarde o propio ministro ampliaba a información e dicía que os trens que pasaron máis dunha hora antes polo mesmo punto non mostras as mesmas marcas que os que pasaron despois, incluído o Iryo sinistrado.

Así o detallou este mércores o ministro de Transportes, Óscar Puente, nunha entrevista en TVE, na que detallou que nos bogies dos vagóns dianteiros do Iryo descubriuse "unha marca dun milímetro de espesor e unha certa anchura de varios centímetros".

Ademais, esa marca repítese en todos os bogies dos vagóns dianteiros, que son os que pasaron polo fragmento da vía que falta e que se cre que é o punto do descarrilamento, que se produciu no sexto vagón e que fixo que o sétimo e oitavo, os últimos do tren, invadisen a vía contraria.

"Isto pódenos levar a pensar que hai algo que foi causando" esa marca, explicou Puente, e que "pode ser a orixe da causa do descarrilamento", xa que tamén se observou "algunha marca parecida" nos "dous ou tres" trens que pasaron con anterioridade.

Con todo, os bogies que se examinaron de trens de Renfe que pasaron por ese mesmo tramo "nunha marxe de tempo superior á hora non teñen ningunha desas marcas", asegurou.

Outro dato observado nestes primeiros compases da investigación que "despista" aos investigadores é que nun dos bogies obsérvanse "dúas marcas, pero no lado esquerdo do tren, non no dereito, que é onde se aprecian as do Iryo".

En opinión de Puente, interpretar que esas marcas necesariamente téñense que corresponder cunha rotura de vía é "totalmente prematuro", aínda que é "unha das hipóteses posibles".

As dúas chamadas do maquinista do Iryo

Por outra parte o ministro restou importancia ao audio do maquinista do tren Iryo e explicou que entre as súas dúas chamadas ao centro de control de Atocha pasaron entre tres e catro minutos.

Ademais, precisou que o impacto dos vagóns descarrilados co Alvia que ía en dirección Huelva produciuse en menos de 9 segundos e non en 20, como se publicou inicialmente.

O ministro, en declaracións a Telecinco recollidas por Europa Press, explicou que se produciu unha primeira chamada do maquinista informando dun "enganchón" do tren, unha vez que este se detivo. "É o que el cre que sucedeu. El non baixou do tren e as cinco primeiras unidades do Iryo están completamente intactas. Non caeron nin as bandexas, os viaxeiros nin se decataron e o maquinista tampouco", apuntou.

Nunha segunda chamada, que se produce entre tres e catro minutos despois, Puente explicou que o maquinista traslada ao centro de control que "non é un enganchón", senón un descarrilamento, e que está a invadir a vía contigua, polo que pide que se corte o tráfico.

"Que é o que lle di entón o centro de control? Que non hai ningún tren chegando porque o Alvia xa pasara e o choque xa se produciu. Ademais, o maquinista do Iryo nin sequera ve o Alvia porque está case a un quilómetro e a zona está completamente ás escuras", engadiu Puente.

"E sabemos o gap que houbo entre o descarrilamento e o impacto. Falouse de 20 segundos, agora parece que o impacto é case simultáneo, de menos de 9 segundos. O audio só ten un valor ilustrativo, sobre todo de que o maquinista non foi consciente de que chocara contra outro tren e de que descarrilara ata que baixou do tren", abundou Puente.

Sobre as insinuacións dun sindicato ferroviario minoritario de que se utilizaron materiais de baixo custo na vía onde se produciu o accidente de Adamuz, o ministro cualificou tal afirmación de "barbaridade".

"Esta é unha obra contratada para renovar vía na que se empregaron todos os materiais. A resultados da investigación, veremos se iso non é así, pero asegúrolle que non se contratan obras de baixo custo, non se quen pode dicir semellante barbaridade. Isto é unha vía renovada, a renovación concluíu en maio do ano pasado, someteuse a todas as probas de fiabilidade que establece o protocolo de Adif. No mes de outubro tivo unha proba xeométrica e no mes de novembro, finais de novembro, non facía nin dous meses do accidente, tivo unha proba dinámica. Tivo a proba de inspección a pé, que se fai tamén una ao ano, tívoa o 5 de novembro. Por tanto, é unha vía que cumpría con todos os parámetros de seguridade que están establecidos na normativa", garantiu.

Sobre os traballos que se están realizando no terreo do accidente, Puente afirmou que se levantaron xa unha parte dos coches do Alvia sinistrados, sen que aparecese ningunha vítima máis das 42 contabilizadas ata o de agora, aínda que as denuncias por desaparición ascenden a 43.

"Iso non quere dicir que non sexa posible a aparición dunha última persoa pero eu creo que estamos xa moi preto de pechar o gap entre o número de desaparecidos e o número de corpos atopados", concluíu.

A Garda Civil investiga a peza do eixe dun tren atopada preto do lugar do accidente

A Garda Civil investiga a peza do eixo dun tren atopada preto do lugar do accidente. Así o indicaron a EFE fontes da investigación, que sinalaron que se trata da peza á que se refire un artigo de The New York Times, atopada o pasado martes, segundo a publicación, mergullada parcialmente nun arroio que flúe por unha gabia empinada a 270 metros da vía.

O diario subliña que un fotógrafo do xornal captou a estrutura -"un bogie, unha parte do chasis inferior dun tren", di-, e engade que "non fora marcada nin acordoada polos investigadores do Goberno e tampouco fora dada a coñecer anteriormente polas autoridades".

Noticia publicada no New York Times Noticia publicada no New York Times

Pero as fontes consultadas por EFE precisaron que a Garda Civil tiña localizada esa peza a través de sistema de infografía forense 3D con drons.

De feito, está en poder dos axentes do instituto armado e será a investigación a que determinará de que peza trátase. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade