Pagar con tarxeta non pode saír máis caro
A lei prohibe establecer un prezo para o pago en efectivo e outro diferente para o pago con tarxeta
O que si poden os empresarios é establecer mínimos para cobrar con tarxeta, e mesmo non aceptalas
Podería ser un menú similar ao de moitos restaurantes, pero o que colgou un consumidor nas súas redes sociais ten algo diferente. Aplícase un recargo se o pago se realiza con tarxeta de crédito. Esta práctica existe, aínda que aquí non está moi estendida, como din os consumidores.
"Nin escoitara tampouco, non me cadrou nunca, a verdade"
"De momento nunca me ocorreu iso"
"Non nunca, vaia non", comentan varias persoas
A pregunta que moitos nos facemos é se é legal cobrar máis por pagar con tarxeta.
"Non se pode de ningunha das maneiras porque esa diferenza de prezo non responde a ningún gasto efectivo que teña que soportar o empresario nin a ningún servizo que se nos preste a maiores, como puidera ser, por exemplo, un pago financiado, polo tanto a resposta é moi sinxela: non se pode establecer un prezo para o pago en efectivo e un prezo diferente para o pago con tarxeta", explica Miguel López, presidente da Confederación Consumes
O que si poden facer é establecer un mínimo.
"Teñen un mínimo para pagar supoño porque lles compensará máis ou menos, e si, efectivamente un mínimo de 5 euros, un mínimo de 10 euros nalgún lugar si", apunta unha muller
"O único pago que non se pode prohibir en España é o pago en efectivo, en metálico, ese está totalmente prohibido a súa limitación, en tarxeta pódese facer, pódense establecer límites por arriba e mesmo límites por abaixo", continúa Miguel López
E mesmo poden directamente non aceptar tarxetas de crédito, aínda que deberían avisalo.
"Si que sexa moi destacado de forma clara e indubidable que non se acepta determinado medio de pago para que a persoa consumidora non leve despois esa sorpresa no último momento", continúa
E esas situacións danse moi a miúdo.
"É que como fago entón, póñente nunha situación incómoda a ti, incómoda á persoa e non sabes como saír de aí, ten que ser moi complicado, a verdade", conta unha rapaza