Os peixes e mariscos disparan o seu prezo para a cea de Noiteboa
Este mércores, os mercados galegos están cheos, cos cidadáns mercando as últimas viandas para a cea de Noiteboa. Unha Noiteboa das máis caras dos últimos anos, sobre todo para os que agardan ata a última hora para comprar os seus manxares favoritos para esta tradicional cea.
Son sobre todo aqueles que nas últimas semanas non optaron por comprar e conxelar eses alimentos. A primeira hora, en lugares como a Praza de Lugo, na Coruña, podíase ver aínda bastante marisco nos postos. Centolas, ameixas ou camaróns foron algúns dos preferidos dos numerosos clientes que se achegaron ata este mercado.
Os clientes madrugaron para poder levar o mellor produto á mesa de Noiteboa. Para mirar e para mercar. Porque é un dos días de máis vendas do ano. E é que os prezos do peixe e do marisco están disparados. E logo están os imposibles. Ao alcance de poucos petos. E aínda queda a Noitevella. Sete días por diante para volver encher as prazas das estrelas destas festas.