Carnota solidarízase coa comisión de festas de Villamanín
Inician unha campaña para recadar cartos
Unha asociación de Carnota reclama comprensión e pide axuda para a comisión de festas de Villamanín
Aseguran empatizar profundamente cos rapaces leoneses
"Isto pásalle a calquera, que é moi difícil xestionar todo, eh!", afirma María Luísa Dosil, tesoureira da comisión de festas de San Mamede de Carnota
É a tesoureira da comisión de festas de San Mamede de Carnota e ela sabe mellor ca ninguén dos desvelos de manexar cartos alleos.
"Hai que estar moito encima dos cartos, da contabilidade, todo, e os nenos...", continúa.
Ela e os seus compañeiros están afeitos a facer de todo para recadar cartos para a súas festas parroquiais, tamén a vender participacións da lotería de Nadal, e saben o difícil que é que cadren as contas.
"Nós no noso caso tiñamos algúns décimos de máis sempre, pero ben, se quedas con décimos de máis tamén a recadación pode ser menor, entón intentar axustalo é difícil, e estas cousas poden pasar", apunta Joaquín Rey Caamaño, presidente da Asociación Cultural Relámpago de San Mamede de Carnota
Esta empatía é froito do traballo duro e desinterasado que fan as comisións de festas. Esta de Carnota acaba de emprender unha campaña de solidariedade cos rapaces leoneses.
"Primeiro para que saiban que non están sós, que todas as asociacións os comprendemos, os acompañamos".
E segundo para recadar cartos que poidan axudar a resolver o problema e evitar que se rompa a convivencia en Villamanín. Agora toca buscar a mellor fórmula para canalizar esas doazóns.
"Que saiban que non están sós, que en Galicia somos especialistas en festas e en apoiarnos os uns aos outros, e tamén no escudo do noso concello pon que somos un concello moi humanitario e queremos que se vexa", conclúe o presidente.