Deixan a contorna do monte Faro chea de rodeiras de derrapaxes
Os comuneiros de Requeixo, en Chantada, demandan que se identifiquen os autores destes actos vandálicos
A contorna do monte Faro, entre Chantada e O Deza, forma parte da Rede Natura 2000. Malia tratarse dunha zona natural protexida, entre os centos de persoas que subiron ao alto para ver a neve houbo quen conduciu de xeito indebido, mesmo facendo derrapaxes arredor da ermida. Como resultado, a área quedou desfeita, totalmente chea de rodeiras.
"É moi bonito vir aquí ver a neve, que a ninguén se lle prohibe, pero que veñan con educación e sen os todo terreo derrapando. Suponse que haberá circuítos para facer esas cousas, pero esta é unha zona natural protexida", sinala Ángel López Caseiro, tesoureiro da comunidade de montes de Requeixo.
Os donos do monte, que son os comuneiros de Requeixo, denunciaron de inmediato os feitos ante as autoridades. Demandan que se identifiquen os autores destes actos vandálicos e que se incremente a vixilancia os días de nevada.
"O único que poderiamos facer aquí é vir facer garda, pero para iso xa está a Administración, que ten gardas. O distrito de Monforte de Medio Ambiente derivou o caso á Consellería en Lugo, e estamos esperando solucións", engade Ángel López Caseiro.
Dende a comunidade de montes de Requeixo estudan ademais pechar o paso de vehículos á contorna da ermida.