Arden, de madrugada e á vez, cinco colectores do lixo no barrio coruñés dos Rosais
As lapas non afectaron vivendas nin a coches, só os contedores
A Policía Nacional investiga os feitos
Os veciños do barrio coruñés dos Rosais espertaron esta mañá con cinco contedores do lixo queimados.
"Durante a madrugada, a miña parella foi para a cama e dixo que estaban ardendo dous contedores. E agora na escola souben que queimaran unha morea", comenta unha veciña.
En total foron cinco contedores de lixo que estaban ardendo á vez.
"Foron cinco, todos moi próximos e por iso pensamos que pode ser un acto vandálico", explica Fernando Carrillo, presidente da asociación veciñal.
"Paréceme un vandalismo, pero entendo que a xente estea farta de tanto contedor que nos poñen". "Non é algo casual. Foi premeditado".
As lapas afectaron unicamente os contedores. Non danaron ningunha fachada nin tampouco ningún vehículo. "Eu xa aparco afastado dos contedores por se acaso". "Un ardeu xusto diante da miña casa e só afectou o que é o contedor".
No barrio a Policía Local non ten instaladas cámaras de tráfico. Pero si as hai nalgunha entidade bancaria e mesmo nalgún comercio que poden axudar a verter luz neste caso.
"Haberá que ver quen son os executores e a ver se os deteñen e paramos con iso porque pode ser perigoso para as vivendas", engade Carrillo.
A Policía Nacional é quen se encarga da investigación.