A igrexa de Santa Susana, na Alameda de Santiago, volve ser vítima das pintadas
As paredes exteriores limpáranse hai 15 días, e volveron aparecer inzadas de grafitis
A igrexa compostelá de Santa Susana data do século XVII, e denuncian que agora, no século XXI, ten un problema crónico de vandalismo. Cando había pouco máis de 15 días que operarios municipais limparan as pintadas das paredes exteriores, volveron aparecer vandalizadas. Dende Apatrigal, a asociación para a defensa do patrimonio cultural galego, alertan de que eses ataques reiterados son un dano cada vez máis grave.
"É máis perigoso porque cando limpas a pedra, algo sempre lle sacas, quitas a pel da pedra" explica o presidente de Apatrigal, Carlos Henrique Fernández. Ao perder esa pel "a próxima pintura penetra máis na pedra, así que cada vez é máis complicado limpala e a agresión é maior", conclúe.
A igrexa culmina o paseo da Ferradura, na Alameda compostelá. É unha zona illada e pouco transitada de noite, cando aproveitarían os vándalos para atacar este patrimonio. Dende o Concello explican que, como cada vez que detectan pintadas alí, procederán a limpalas canto antes.