Publicador de contidos

Publicador de contidos

Consumo sanciona con 64 millóns a Airbnb por anunciar vivendas sen licenza

Consumo sanciona con 64 millóns a Airbnb por anunciar vivendas sen licenza

A resolución do ministerio obriga a plataforma a rectificar os incumprimentos identificados, eliminar os contidos ilícitos publicados e facer pública a multa imposta

O ministro Bustinduy advertiu de que o seu departamento cursa outros expedientes sancionadores similares ao executado contra Airbnb

Europapress (Arquivo)
G24.gal 15/12/2025 08:56 Última actualización 15/12/2025 11:40

O Ministerio de Consumo sancionou con 64 millóns de euros a plataforma en liña de alugueiro de vivendas turísticas Airbnb por, entre outros motivos, publicar anuncios de aloxamentos turísticos sen licenza. A resolución esgota a vía administrativa despois de resolverse o recurso de alzada interposto ante o ministro de Consumo, segundo comunicou o ministerio este luns.

Ademais, implica dúas sancións accesorias que obrigan a plataforma a rectificar os incumprimentos identificados, eliminar os contidos ilícitos publicados e facer pública a multa imposta. As infraccións da normativa de consumo, identificadas en 65.122 anuncios en Airbnb, son, ademais de anunciar aloxamentos sen licenza, publicar anuncios que indican un número de rexistro que non se corresponde cos que se utilizan nos devanditos anuncios turísticos.

Por estas situacións cualificadas como graves, imponse unha sanción de 64,05 millóns de euros, equivalente a seis veces o beneficio ilícito obtido por Airbnb durante o tempo en que permaneceron publicados os anuncios desde o apercibimento formulado por parte do ministerio ata a súa retirada pola plataforma.

Así mesmo, sanciónase a Airbnb por incumprimento do réxime ou obrigas dos contratos celebrados a distancia, como omitir información sobre a natureza xurídica do anfitrión do aloxamento turístico publicitado.

Tamén se multa a plataforma por obstrución ou negativa a fornecer datos tras negarse Airbnb a responder os requirimentos de Consumo durante a instrución deste expediente, e tamén por incumprimento dos deberes e prohibicións impostos mediante medidas provisionais durante a tramitación do expediente.

Tras coñecer a noticia, a asociación de consumidores FACUA celebrou a sanción e destacou que se trata da segunda maior multa da historia, só superada polos 108 millóns cos que sancionou á aeroliña Ryanair por cobrar recarga pola equipaxe de man.

Nun comunicado, FACUA sinala que as autoridades autonómicas de protección ao consumidor deberían tomar nota e empezar a actuar dunha vez con contundencia ante fraudes inmobiliarias coma estes. 

O ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, Pablo Bustinduy, advertiu de que o seu departamento cursa outros expedientes sancionadores similares ao executado contra Airbnb. Bustinduy non se puido pronunciar sobre as empresas que puidesen estar inmersas nos citados novos expedientes sancionadores, pero afirmou que "responden ao mesmo propósito sobre a erradicación das prácticas abusivas" en materia de vivenda.

O ministro asegurou, sobre a sanción a Airbnb, que os 65.122 anuncios irregulares que motivaron a actuación xa non existen e que foron retirados no seu momento da plataforma. "Esta sanción demostra que os poderes públicos actúan con determinación e que ningún actor económico pode eludir as súas obrigacións", sinalou Bustinduy. "As prácticas de especulación están a secuestrar o dereito constitucional á vivenda", declarou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade