Luis Crespo: "É boa a rede ferroviaria, pero hai que comprometerse a mantela"
O secretario do Sindicato de Maquinistas Ferroviarios pide investimentos, optimización de recursos e máis protocolos de seguridade
O colectivo convocou unha folga "histórica" o 9, 10 e 11 de febreiro para reclamar que a deterioración do ferrocarril non vaia a máis
O secretario do Sindicato Español de Maquinistas Ferroviarios (SEMAF) en Ourense pide non caer no "alarmismo" porque "o sistema ferroviario non é bo pero tampouco é catastrófico".
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Luis Crespo afirmou que a investigación do sinistro de Adamuz determinará se o mantemento foi a causa principal do descarrilamento pero explicou que hai unha tendencia que aprecian, sobre todo, no ferrocarril convencional.
Segundo afondou, levan moitos anos denunciando "carencias moi grandes" na conservación destas liñas. Unha situación que en Galicia sofren especialmente cada vez que hai temporais por mor da "caída de árbores e trincheiras" sobre as vías.
O responsable do Sindicato de Maquinistas en Ourense demandou un mantemento da rede "máis exhaustivo"
"Máis investimento e unha optimización dos recursos porque de pouco vale que se incrementen os recursos se logo non se reflicte na infraestrutura. Máis investimento é indispensable e, sobre todo, máis seguridade, máis protocolos de actuación en caso de situacións degradadas, etc... É o que estamos a pedir".
Luis Crespo tamén incidiu en que a revisión das vías debería facerse cunha maior asiduidade.
"Non é cuestión de que os trens laboratorio pasen tódolos días, aínda que sería o idóneo, pero si deberían pasar con máis frecuencia".
Con todo, Crespo asegura que a rede ferroviaria española é boa e que está preparada para a alta velocidade.
"España é un país cunha boa rede ferroviaria? Si. Pode mantela? Si, estou seguro. O que hai que ter é o compromiso de mantela. Está claro. Os coches temos que levalos ao taller, pois isto é o mesmo. O símil é moi fácil de entender".
Redución da velocidade
O secretario do SEMAF na provincia de Ourense sinalou que as limitacións de velocidade nalgúns treitos non son consecuencia dos accidentes de Adamuz e de Gélida senón que as levan sufrindo "dende hai moito tempo".
"A redución da velocidade é unha salvagarda que ten o Adif mentres non arranxa un problema pero non pode admitirse que unha limitación estea por anos, vai contra a seguridade, contra a eficiencia do ferrocarril. A solución óptima é, en primeiro lugar, evitar o problema e despois arranxalo. Hai avarías e incidencias que cun correcto mantemento poden evitarse".
Folga
O responsable do Sindicato de Maquinistas Ferroviarios en Ourense explicou que a convocatoria dunha folga xeral no sector os días 9,10 e 11 de febreiro ten como obxectivo demandar máis seguridade na rede e un mantemento que impida que a deterioración do ferrocarril vaia a máis.
"Esta folga para nós é histórica. Ata agora as demandas sempre foron laborais pero agora estamos pedindo máis seguridade e que a deterioración do ferrocarril non vaia a máis. Seguridade para nós, que estamos na punta de lanza, e para os viaxeiros en xeral. Sen seguridade, o resto é secundario: o prezo dos billetes, a hora de chegada... ".
O Sindicato de Maquinistas Ferroviarios tamén reclama que se diluciden as "causas exactas" dos últimos accidentes, sobre todo o de Adamuz "que é o que máis sombras ten" e que non se volvan repetir.
"Somos conscientes de que a fatalidade non se pode suprimir pero si se pode mitigar. Ese é o obxectivo da nosa convocatoria. Repito que é unha folga histórica porque é unha folga do sector, son as oito empresas ferroviarias que operan en España actualmente. Esperemos que sirva para que non teña que haber, outra vez, decenas de mortos para que nos decatemos de que a prevención é algo indispensable".
Luis Crespo tamén pediu que non se descargue nos maquinistas a responsabilidade de detectar incidencias a través da acción denominada "marcha a la vista". Unha medida que contemplan os regulamentos de circulación ferroviaria e que consiste en que os maquinistas reduzan a velocidade para detectar posibles obstáculos nas vías.
O responsable do Sindicato de Maquinistas en Ourense tamén sinalou que trala convocatoria da folga non recibiron ningunha chamada do Ministerio de Transportes de cara a unha posible negociación.
Así as cousas, seguen adiante co paro porque "o principal obxectivo é que os accidentes de Adamuz e Gélida non se repitan".
"Non queremos volver estar na palestra porque faleza unha compañeiro ou viaxeiros que facían unha viaxe de ocio, de traballo. Non podemos permitir que se repita. En España tivemos accidentes de moita gravidade. Somos un país que apostou polo ferrocarril e pola alta velocidade. Non pode volver suceder porque senón a credibilidade, principalmente a nósa, vai caer en picado".