Os sindicatos acordan suspender a folga de autobuses deste luns e continuar negociando
Os sindicatos do transporte condicionan a folga indefinida na provincia da Coruña a partir do martes ao resultado das negociacións que van continuar o luns 2 de febreiro
As negociacións comezaron este venres, continuaron este sábado e o luns volverán sentar sindicatos e patronal coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais da Xunta
"Se o luns non se pacta non haberá máis suspensións", advertiu o representante da CIG
Os sindicatos convocadores da folga indefinida no transporte en autobús da provincia da Coruña a partir do próximo luns 2 de febreiro acordaron este sábado suspender a primeira destas xornadas de paro para seguir negociando un acordo coa patronal do sector.
Así o confirmou o responsable de Transportes da Confederación Intersindical Galega (CIG), Ernesto López Rei, que informou de que tanto a súa organización como Comisións Obreiras (CC. OO.) e a Unión Xeral de Traballadores (UXT) aceptan esta medida como forma de continuar as conversacións.
Os sindicatos volverán reunirse coa parte empresarial o vindeiro luns, ás 13:00 horas, de novo no Consello Galego de Relacións Laborais.
Será o terceiro encontro desde que este venres ambas as partes iniciaran negociacións coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais tras máis de dous meses con ata dez xornadas de paros parciais no sector. Ata agora as xornadas de folga afectaron de maneira notable ao tráfico na provincia ao paralizar as liñas de autobuses interurbanos, os servizos de transporte escolar e o urbano de Santiago de Compostela.
López Rei afirmou que os avances conseguidos ata o momento "son moi escasos", unha redución de apenas dezaseis horas no cómputo de xornada anual e aumentos nalgúns complementos, polo que este será o único día de folga que estarán dispostos a suspender antes do paro indefinido no sector.
"Se o luns non se pacta non haberá máis suspensións", advertiu o representante da CIG, que expresou tamén "certa decepción" co comportamento das outras forzas sindicais na mesa de negociación; aínda que preferiu non incidir neste asunto porque, dixo, "non contribúe" a lograr un acordo común.
Xuntanza da patronal do transporte da provincia da Coruña cos sindicatos coa mediación do Consello de Relacións Laborais, este sábado
Os sindicatos advertían ao inicio das conversas que só se desconvocaría a folga indefinida se se chegaba a un preacordo coa patronal
Os sindicatos dos traballadores do transporte en autobús da provincia da Coruña advertían este venres de que só desconvocarían a folga indefinida convocada neste sector para partir do próximo 2 de febreiro se se chegaba a un preacordo coa patronal nas conversas iniciadas este venres na sede do Consello de Relacions Laborais, en Santiago. As negociacións continúan este sábado ás 11 da mañá entre os sindicatos e a patronal coa medición de Demetrio Fernández, director da delegación territorial de Inspección de Traballo.
Esta xuntanza faise co obxecto de achegar posturas tras dous meses de paros parciais no sector en protesta pola falta de negociación do convenio colectivo, lembraban representantes de UXT e CIG, xusto antes de entrar á sala de negociación.
Tanto Ernesto López, da CIG, como Iván Cancela, de UXT, aseguraron que a única forma de desconvocar a folga que comeza o vindeiro luns é que desta reunión salga un preacordo que poida levar ás asembleas de traballadores para ser aprobado.
Entre as demandas dos sindicatos están que haxa un avance "moi significativo" a nivel salarial e outras melloras laborais, como a redución da xornada mediante un descenso das horas de dispoñibilidade dos condutores, máis días de asuntos propios e outros avances en materia de conciliación.
Os dez días de folga no transporte de autobús na provincia da Coruña, que afectou ás liñas interurbanas, de transporte escolar e ao servizo urbano en Santiago de Compostela, causaron importantes efectos no tráfico e a Xunta sinalou que os servizos mínimos establecidos foron incumpridos en múltiples ocasións.
O comunicado da CIG tras a xuntanza de onte transloce fendas na unidade sindical
A xuntanza do venres entre patronal e sindicatos durou máis de 10 horas, na sede do Consello Galego de Relacións Laborais. Tras esa reunión o sindicato CIG emitiu un comunicado que transloce fendas na unidade sindical. A CIG emitiu un comunicado crítico coas posicións adoptadas polas outras dúas organizacións sindicais, CC. OO. e UXT, ás que acusa de "manobrar" para "modificar a representatividade" e "laminar a maioría" da central nacionalista.
Sobre o contido da reunión, o responsable de Transportes da CIG, Ernesto López Rei, observou que "por primeira vez desde o inicio do conflito", que levou a dez xornadas de paros parciais nos últimos dous meses, a patronal accedeu a "unha negociación real", "cunha proposta completa". Aínda que López Rei engade que a considera "insuficiente", por non atender as demandas mínimas marcadas polas asembleas.