O Sergas cifra en 7.000 as consultas diarias anuladas pola folga estatal de médicos
O xerente do Servizo Galego de Saúde lembra que cada día de folga suspéndense en Galicia máis de 200 cirurxías, 6.000 consultas hospitalarias, unhas 1.000 de atención primaria e 600 probas diagnósticas
José Ramón Parada defende a reforma da Atención Primaria porque busca liberar aos médicos de cargas burocráticas en beneficio dunha maior calidade asistencial para os doentes
O responsable do Sergas pon en valor o calendario de vacinación de Galicia que a partir deste luns inclúe un reforzo contra o meningococo B aos 12 anos
O xerente do Sergas amosa a súa preocupación pola folga estatal que manteñen os médicos para reivindicar un estatuto marco propio.
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, José Ramón Parada Jorgal, indicou que cada día de paro suspéndense en Galicia centos de cirurxías, milleiros de consultas e tamén probas diagnósticas.
“Cada día de folga suspéndense en Galicia entre 200 e 250 ciruxías, entre 5.000 e 6.000 consultas hospitalarias, entre 1.000 e 1.500 consultas de atención primaria e, máis ou menos, unhas 600 ou 700 probas diagnósticas. Para nós é moi preocupante porque estamos a falar da asistencia sanitaria dos galegos e das galegas e, ademais, dunha folga que non podemos solucionar dende aquí”.
Neste sentido, o responsable do Sergas apela ao Ministerio de Sanidade e a súa titular e pide responsabilidade.
“O que si demostramos en Galicia é que é posible negociar e poñer fin ás folgas sanitarias. Polo tanto, o que lle pedimos ao Ministerio, á ministra en concreto, é que teña responsabilidade, un pouco de altura de miras e que trate de acadar un acordo co colectivo médico. O que estamos a pedir é empatía institucional”.
Horarios dos PAC
José Ramón Parada defende a ampliación do horario dos Puntos de Atención Continuada nas áreas sanitarias nas que as urxencias extrahospitalarias os sábados pola mañá aínda se atendían nos centros de saúde de referencia.
O responsable do Sergas explicou que o decreto que regula o novo horario "dota de seguridade xurídica a atención sanitaria que se presta os sábados pola mañá" e permite facela compatible cos acordos para reducir a xornada ordinaria dos profesionais do Sergas ata as 35 horas semanais.
“Aquí o que se pretende é garantir a cobertura desa atención continuada e, ademais, que sexa compatible cunha serie de acordos que se acadaron no seu día por unanimidade na mesa sectorial de sanidade cos que se pretendía reducir a xornada ordinaria dos profesionais do Sergas ás 35 horas semanais”
José Ramón Parada explicou que o decreto que establece o novo horario dos PAC vén acompañado dunha serie de medidas para reforzar o servizo.
“A apertura dos PAC os sábados pola mañá vai supoñer un incremento de 211 prazas ata 2028 das cales 100 son para médicos, 80 para persoal de enfermeiría e 31 para persoal de xestión e servizos. Ten un investimento previsto pola Xunta para ese período de dez millóns de euros. O importe nos orzamentos de 2026 é de 3,7 millóns de euros para incorporar 77 profesionais: 36 médicos, 28 enfermeiros e 13 prazas de persoal de servizos xerais”.
O titular do SERGAS suliñou que á creación de novas prazas hai que engadir os incentivos á voluntariedade para a realización de gardas nos Puntos de Atención Continuada.
Parada Jorgal defendeu a “lexitimidade” da ampliación do horario dos PACs porque, segundo explicou, "a xornada laboral e as medidas retributivas negociáronse na mesa sectorial cos principais sindicatos".
Reforma da Atención Primaria
O xerente do Sergas explicou, na Radio Galega, que a reforma da Atención Primaria persegue dous obxectivos: liberar aos facultativos de máis cargas burocráticas e limitar as axendas diarias a un máximo de 30 doentes. Ademais, engadiu, tamén se baralla a creación dunha Dirección Xeral de Atención Primaria.
“Para o profesional a medida máis disruptiva posiblemente sexa a descarga burocrática. Vanse crear unidades de apoio que van centralizar todo o que podemos denominar comunmente papeleo…. Falo, por exemplo, da renovación de receitas crónicas, xestións de derivacións administrativas. Todo eso que o médico fai na consulta e que non require dun criterio clínico”.
José Ramón Parada Jorgal suliñou que non se trata dun "cambio menor" porque os estudos de carga de traballo que está a facer o Sergas indican que os médicos de atención primaria consomen entre un 30 e un 40% do tempo de consulta en tarefas burocráticas.
“O obxectivo, no fondo, é ter unha mellor calidade asistencial, consultas máis humanizadas, con máis tempo e, por outra banda, facer a atención primaria máis atractiva nun contexto no que en toda España hai un déficit moi grande de profesionais”.
Listas de agarda
O xerente do Sergas destacou que, segundo os últimos datos publicados polo Sistema Nacional de Saúde, Galicia é a comunidade cunha menor porcentaxe de doentes que espera máis de 60 días por unha consulta co especialista. Tamén que "en relación ás listas de espera cirúrxica somos a terceira comunidade en toda España que menos agarda".
José Ramón Parada Jorgal tamén sacou peito do calendario de vacinación de Galicia.
“Temos o mellor calendario de vacinación do mundo e nese sentido hai que agradecer moito o traballo da Dirección Xeral de Saúde Pública que está detrás dos logros que poñen a Galicia, que é unha comunidade relativamente pequena, no mapa europeo, no mapa do mundo”.
Este luns Galicia converterase na primeira comunidade en incluír no calendario de vacinas un reforzo contra o menigococo B ós 12 anos.