Publicador de contidos

Publicador de contidos

Este ano hai unha boa colleita de grelos pero preocupa que siga chovendo tanto

Este ano hai unha boa colleita de grelos pero preocupa que siga chovendo tanto

Os grelos de Xestoso, bautizados como os espárragos galegos, están a 3,20€ o quilo

Os produtores están preocupados polo futuro do grelo porque falta remuda

G24.gal 31/01/2026 14:45 Última actualización 31/01/2026 15:05

Achegámonos ao Val de Xestoso, no concello de Monfero, unha das capitais do grelo en Galicia. Nesta zona gandeira das fragas do Eume, o grelo é o único cultivo para a venda e destaca pola súa calidade.

"Destaca polo tallo. De feito foi bautizado como o espárrago galego porque é moi brandiño, é coma manteiga", explica Pacucha Couto, da Cooperativa Rural Galega.

Aquí, polo clima do lugar, seméntano algo máis tarde e empezaron a apañalo hai unha semana.

"Este ano hai moita produción, ademais deuse por todos os lados practicamente", conta o produtor Lino Grueiro.

O quilo de grelos de Xestoso estáse vendendo a 3,20 euros, algo máis que o ano pasado.

"Porque os custos soben todos, cada vez hai menos produtores e o tempo tampouco os axuda", detalla Pacucha Couto.

O tempo, de feito, preocupa. Os produtores confían en que pare de chover tanto e sen tregua.

"Se continúa chovendo, podréceselles a cachola e eles acaban podrecendo e non sae o que é o grelo, grelo. Pero bueno, eu penso que a campaña se vai salvar, que o tempo vai cambiar", aventura Lino Grueiro.

Contan con salvar esta campaña, pero son menos optimistas co futuro, pola falta de remuda.

 "Quedamos catro e vellos", subliña Lino.

"A media de idade é de 50  para arriba. Non hai relevo. Ti non ves un de vinte e pico ou trinta anos apañando no grelo", lamenta Pacucha.

Co desexo de que a xente nova tome o testemuño e evite a desaparición deste cultivo tan propio de Galicia, o próximo domingo 8 de febreiro, o Val de Xestoso celebra a súa décimo quinta feira do grelo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade