Publicador de contidos

Publicador de contidos

2.000 quilos de grelos poranse á venda en Expogrelo de Abadín

2.000 quilos de grelos poranse á venda en Expogrelo de Abadín

A colleita de grelos na Terra Chá non se viu moi afectada polas sucesivas borrascas

O evento terá lugar o vindeiro sábado

Expogrelo de Abadín o ano pasado
G24.gal 17/02/2026 13:42

O tempo de Entroido é tempo de cocido e nun que se prece non poden faltar os grelos. É un dos máis preciados, con nome propio é o grelo de Abadín. A pesar da cantidade de auga que leva caído, a campaña este ano non vai indo mal. 

María Olguita Gómez Gil, produtora de grelos de Abadín, cóntanos que agora  están no momento de recoller, comprar e despois comer. E é que o grelo é un ingrediente imprescindible no cocido.  

"O repolo tamén, pero o grelo non pode faltar. Un grelo que sexa bo", di a nosa interlocutora.

E deses bos hainos na Terra Chá, con cada vez máis aceptación por parte dos consumidores.  Tanto é así que moitos produtores de autoconsumo decidiron dar o paso a unha explotación máis industrial.

A campaña deste ano está en marcha e a colleita preséntase irregular, ben para algúns e non tanto para outros. As borrascas pasaron factura.

"Por esta zona ben, pero a outros podreceulles a verdura", din.

Rico en fibras e vitaminas e baixo en graxas e calorías. Axuda a fortalecer o noso sistema inmunolóxico e, por si fose pouco, é unha verdura saborosa. Máis aínda cocida con graxa que lle dea alegría. "Cacheira, lacón... así sabe moito máis rico", din.

O conxelado permite gozalos case todo o ano. María Olguita dános un consello para un aspecto óptimo.

" Despois de escaldalos hai que metelos en auga fría para que non perdan o verde e se poñan marróns".

Cren que o prezo da mada non fai xustiza ao traballo que hai detrás:" Limpalos ben, sacarlles a terra e os bichos leva o seu tempo".

Limpos e empaquetados, uns 20 productores porán súas madas á venda o vindeiro sábado en Expogrelo de Abadín.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade