O Entroido peta na porta e os disfraces son cada vez máis sofisticados
Os disfraces relacionados co K-pop están entre os máis buscados
Non hai moitos anos, disfrazarse era simplemente vestirse de farrapeiro, pero agora os traxes son cada vez máis elaborados
A poucos días xa do Entroido, chama a atención comprobar como evolucionou o mundo do disfrace. Hai cincuenta anos con poñer un mantelo enriba, tinguir a cara e enfariñar o cabelo abondaba; agora as redes sociais e as plataformas marcan como nos disfrazamos, cada vez con traxes máis elaborados. Por exemplo, este ano un dos disfraces máis buscados é o das heroínas dunha película de debuxos animados de K-pop, a música popular coreana.
Segundo datos da firma líder en España na fabricación destes produtos, o negocio do disfrace xera no Estado máis de 130 millóns de euros ao ano; un sector que tamén se move por modas.
Estímase que seis de cada dez españois se disfrazan, polo menos unha vez ao ano. Moitas veces apenas é preciso gastar cartos, algo do que hai na casa e un complemento abondan. Con todo, lonxe quedan na maioría dos casos os farrapeiros porque agora cada vez son máis os e as que elixen a sofisticación.