A explosión dunha bombona de gas nunha vivenda deixa dous feridos en Marín
Un dos feridos é un home que residía na casa e que saíu do inmoble polo seu propio pé e posteriormente foi trasladado en ambulancia
Outra persoa que pasaba pola rúa tamén tivo que ser levada a un centro hospitalario afectada a nivel auditivo
A explosión dunha bombona de gas este martes nunha vivenda de Marín deixou dous feridos. O suceso ocorreu contra ás 13:45, na rúa Méndez Núñez, no centro da vila.
Segundo informan desde o Concello, a explosión produciuse nunha pequena vivenda antiga, situada entre dous edificios, causando enorme estrondo.
O home de 80 anos que residía nesta casa tivo que ser evacuado por unha ambulancia con urxencia debido a queimaduras no seu corpo, aínda que puido saír polo seu propio pé. Os cuantiosos danos materiais eran visibles desde a rúa, levantándose fiestras e deixando fóra obxectos do interior da vivenda.
Tamén se atendeu un viandante que foi afectado a nivel auditivo pola explosión e foi trasladado a un centro sanitario para comprobar o alcance das súas lesión.
Os danos materiais son visibles ata nos rótulos do establecemento de comida de en fronte.
Ao lugar acudiron os axentes da Policía Local, a Policía Nacional e os Bombeiros do Morrazo. Ademais, un técnico municipal realizará un informe sobre o estado en que queda o inmoble despois da explosión. O Concello informa que o inmoble vai quedar valado e vaise buscar unha empresa que se encargue da demolición.