O ferido na explosión dunha casa en Santiago foi trasladado á unidade de queimados do CHUAC
O inmoble do barrio de Vista Alegre está precintado porque parte da estrutura quedou moi danada
As familias dos edificios lindeiros puideron volver ás súas casas
O edificio da rúa Vista Alegre de Santiago que sufriu a explosión de gas esta fin de semana permanece precintado debido os danos estruturais que presenta.
As familias dos inmobles lindeiros si puideron regresar ás súas vivendas horas despois do sucedido.
"Os danos, moi grandes, non houbo un colapso total do edificio, pero si unha ruína parcial na parte posterior", di Manuel Sanmartín, oficial xefe dos bombeiros de Santiago.
Os veciños do barrio, como Martín que xusto chegaba á casa nese momento, levaron un bo susto.
" Eu vin xusto cando se produciu a explosión, ía aparcar o coche e vin unha fumareda negra no edificio xigantesca non sabía o que pasara. Non chegaran aínda os bombeiros nin a policía. En cuestión de dez segundos chegaron cinco coches de policía e dous de bombeiros e empezaron a evacuar a xente dos edificios, pero unha fumareda negra, impresionante", di un mozo.
"Eu saín a ventá e vin moito fume e despois unhas chamas impresionantes", conta unha veciña.
Cando os bombeiros entraron, no inmoble de dous andares atoparon tres persoas e dúas bombonas de butano perdendo gas.
"Houbo que sacar unha persoa ferida e dous ocupantes máis do edificio". "Houbo un conato de incendio que houbo que extinguir localizar as bombonas de butanos e acabar coa fuga", "localizamos oito, pero non se puideron quitar todas, si que se localizaron dúas que estaban perdendo", explica Manuel Sanmartín.
O home que estaba na vivenda quedou ferido de gravidade e tras ser atendido no Hospital Clínico de Santiago foi trasladado a unidade de queimados do Universitario da Coruña.