Un ferido leve nun escape de gas nunha vivenda en Santiago
A deflagación da bombona dun soprete de cociña cando o manipulaba causoulle a un mozo queimaduras leves en cara, mans e pés
Tanto o inquilino como o seu gato están ben
O piso quedou case completamente calcinado
A explosión da bombona dun soprete de cociña deixou unha persoa ferida nunha vivenda en Santiago.
O inquilino do apartamento en cuestión alertou os servizos de emerxencia arredor das sete da mañá deste luns no barrio de Vista Alegre. Ata o punto se desprazaron dotacións de bombeiros, da Policía Local, da Policía Nacional e unha ambulancia asistencial.
O home contou que estaba preparando o almorzo cando un fuga de gas procedente da bombona estourou e comezou a arder. Ademais, o lume propagouse polas botellas de aceite que estaban no mesado da cociña e a fumarada invadiu varias estancias da vivenda.
"Estaba preparando unhas torradas boteille algo de manteiga", relata Samuel Lago, inquilino do piso incendiado.
Pediulle auxilio ao veciño que foi quen alertou os servizos de emerxencias. Na fuxida precipitada non foi quen de coller o gato que posterioremte foi rescatado polos bombeiros.
Como consecuencia do incendio, o home quedou ferido con queimaduras leves na cara, nas mans e nos pés. Foi atendido polos sanitarios no lugar e non precisou traslado a un centro hospitalario.
"O gato quedou dentro porque é moi asustadizo e meteuse debaixo do armario".
O gato inhalou moito fume pero xa está estabilizado. Malia alertar os veciños finalmente non foi necesario desaloxar o edificio.
Fontes municipais confirmaron que o lume rematou con danos significativos na cociña, pero non tivo maior afectación no edificio e non se produciron desaloxos.