Adif di que foi Renfe quen solicitou suspender o servizo en Vigo: "Non había ningún punto danado"
Renfe mantén Vigo sen trens por segundo día e amplía a suspensión á liña Ourense-O Carballiño-Santiago, sen establecer un plan de transporte alternativo por estrada
A operadora ferroviaria di que a cancelación fixérona por "precaución" e ante as alertas meteorolóxicas debidas á borrasca Leonardo
A Xunta critica a Renfe por deixar "abandonados" miles de viaxeiros sen alternativa
A demanda de prazas de autobús colapsa as estacións á busca dun billete
O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias subliñou que foi o operador Renfe o que solicitou suspender o servizo de trens a Vigo nas últimas xornadas, destacando que "non había ningún punto danado". Así o sinalaron fontes de Adif tras ser preguntadas polas causas desta situación, que deixou sen servizo ferroviario á maior cidade de Galicia e a outros puntos da Comunidade, como o traxecto Ourense-O Carballiño-Santiago.
"A suspensión do servizo foi a pedimento da operadora. Non é que nós suspendésemos o servizo ou que non se poida circular. Nós non tiñamos ningún punto danado", insistiron, engadindo que mesmo circularon por eses tramos trens de mercadorías sen viaxeiros nas últimas horas.
A pesar diso, dixeron que Renfe comunicoulles esta decisión por "precaución" e ante as alertas meteorolóxicas debidas á borrasca Leonardo.
En concreto, Renfe informou da suspensión de trens con orixe e destino Vigo este venres, do mesmo xeito que o xoves, ampliando tamén a parada á liña entre Ourense, O Carballiño e Santiago, ante risco de inundacións e desprendementos de terra debido ao temporal.
Desta forma, os traxectos afectados -alta velocidade, media e longa distancia- son os que conectan Vico Urzaiz con Santiago; Vigo Guixar e a capital galega; Vigo Guixar e Tui; Vigo Guixar e Ourense; así como, Ourense-O Carballiño-Santiago. A pesar de todo, a compañía non estableceu un plan de transporte alternativo por estrada, pero indicou que están habilitados os cambios e anulacións de maneira gratuíta.
O Concello de Vigo, pola súa banda, enviou un comunicado na tarde deste xoves para informar de que reclamou a Renfe un servizo alternativo de buses "dado que a rede ferroviaria non está en condicións de operatividade".
A Xunta critica a Renfe por deixar "abandonados" miles de viaxeiros sen alternativa
A Xunta expresou este venres o seu "descontento" co operador ferroviario Renfe por deixar "abandonados" miles de viaxeiros e cos directivos por considerar que ao non poder poñer autobuses de substitución para cubrir a totalidade de billetes de tren vendidos, decidiu non poñer ningún.
"É totalmente surrealista", dixo o conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, en declaracións a xornalistas, e sinalou que a Xunta reforzou os seus servizos de autobús no denominado Eixo Atlántico para prestar servizo a pasaxeiros que tiñan previsto viaxar en tren.
Calvo indicou que, a pesar dos reforzos da Xunta, non todos os pasaxeiros lograron cubrir as súas necesidades, "pero loxicamente vale mais dar solución a unha gran parte dos viaxeiros que non dar solución a ningún, que é polo que optou Renfe".
Na súa opinión, "é unha situación incomprensible que estamos completamente seguros de que non se deu en ningunha outra comunidade, moito menos o que está a pasar en Cataluña", afirmou.
Ademais, revelou que Renfe pediu á Xunta que lle certifique por escrito que os autobuses poden circular pola autoestrada AP-9, o que considera "aínda máis surrealista" porque esa vía non é competencia da Xunta senón de titularidade do Ministerio de Transportes, do que depende a empresa pública Renfe.
"Poderán falar coa Delegación de Goberno, poderán falar con tráfico ou quen corresponda, pero desde logo non nos corresponde a nós", insistiu.
O conselleiro denunciou a "situación en que deixa Renfe a Galicia, non só xa con estes dous últimos días de suspensión de distintas frecuencias senón nos últimos meses", con "información tardía", trens "que se pairan continuamente" ou que "chegan tarde".
Calvo denunciou a "situación insostible" xerada por Renfe e exhortou os seus dirixentes para "dar a cara", porque a pesar de que está "a chover moitísimo", na súa opinión hai problemas derivados da falta de mantemento.
A Xunta tamén pediu explicacións a Renfe sobre os motivos polos que os trens non poden circular estes días polo Eixo Atlántico.
Desde a dirección do PSdeG piden non facer demagoxia coa seguridade, e confían en que no ministerio estarán buscando solucións. Os temporais existen sempre en Galicia, recorda o BNG, razón de máis para investir en conservación das vías. Os populares galegos fanse eco dos usuarios, que non teñen alternativas de transporte, pero tampouco información.