A demanda de prazas de autobús colapsa as estacións á busca dun billete
A Xunta de Galicia reforza as liñas de transporte por estrada no Eixo Atlántico
É a imaxe que se repite nas estacións de autobuses de Galicia.
"Non hai tren e teño que ir en bus. Vin con antelación porque non sabía se ía haber moita cola ou non", di un viaxeiro.
Todo un contratempo para os milleiros de viaxeiros que utilizan o transporte público ás portas da fin de semana.
"Son estudante e traballo na Coruña. Veño ver se collo un autobús porque non podo chegar tarde a traballar".
A falta de alternativas por parte de Renfe deixou moitos viaxeiros sen posibilidade de chegar aos seus destinos.
"Non hai alternativas. Só bus e coche particular".
E critican a falta de información por parte da compañía ferroviaria.
"O peor é que non dan unha solución. Non sabemos cando se vai retomar o servizo".
A demanda de prazas nos autobuses foi tal que provocou o colapso da páxina de venda de billetes da maior concesionaria de liñas de transporte por estrada.
"Non cheguei a clase porque os buses xa estaban completos todos".
Ante a suspensión indefinida das conexións ferroviarias, a Xunta de Galicia reforzou as liñas por estrada no Eixo Atlántico.