O Alvia diario Galicia-Cataluña pasa a ter orixe e destino en Vigo, pasando por Santiago
Ata o de agora ese tren tiña saídas e destinos en días alternos na Coruña e Vigo, e a partir de agora os viaxeiros que partan ou se dirixan á cidade herculina enlazarán en Santiago
O Alvia Galicia-Cataluña circulará a diario por Santiago, con parada en Vilagarcía e Pontevedra e orixe ou destino Vigo-Urzáiz, segundo anunciou este venres Renfe.
Nun comunicado, Renfe informa de que, a partir do 7 de abril, reorganiza os servizos asociados á liña do Miño (Ourense-Vigo) para "optimizar as conexións ferroviarias e adaptalas ás necesidades operativas".
Eses reaxustes afectan o itinerairo do Alvia entre Galicia e Cataluña, que ata o de agora circulaba en días alternos desde Vigo ou A Coruña.
Así, ao fixar a súa orixe e destino na estación viguesa de Urzaiz, os viaxeiros da Coruña manterán a partir desa data a conexión con Cataluña mediante unha ligazón na estación de Santiago de Compostela.
Vilagarcía e Pontevedra, que ata o de agora non contaban con esta conexión, contarán coa posibilidade de coller o tren cara a Cataluña ou recibir viaxeiros desa procedencia.
Renfe explica que as modificacións coinciden cos traballos que se están realizando na nova estación da Coruña, así como as que se executan entre Redondela e Guillarei. Isto implica axustes nos actuais trens de enlace.
Así, o Avant nocturno Ourense-A Coruña continuará prestando servizo os domingos, mentres que o servizo Avant matinal ampliará a súa circulación de luns a venres e adiantará a súa saída ás 7:45 horas para facilitar tanto a ligazón co Alvia de Barcelona como os desprazamentos de traballadores e estudantes.
A reorganización de Renfe complétase coa circulación dunha segunda frecuencia diaria entre Vigo-Guixar e Ponferrada en cada sentido, o que reforza a conectividade entre ambas as cidades.
O servizo garante as paradas no Porriño, Guillarei e Redondela, onde o Alvia Galicia-Cataluña deixará de parar desde o 7 de abril e por obras que afectan de forma temporal o Tren Celta, que conecta con Portugal.
A posta en marcha do tren rexional entre Vigo-Guixar e Ponferrada coincide co inicio do plan alternativo de transporte programado por Renfe con motivo dos traballos de mellora de Adif entre Redondela e Guillarei e que implica que o traxecto entre Guillarei e Vigo-Guixar se realice por estrada.