Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os traballadores do lixo de Vigo irán a folga a partir deste domingo ao non chegar a un acordo con FCC

Os traballadores do lixo de Vigo irán a folga a partir deste domingo ao non chegar a un acordo con FCC

Segundo a CIG, a empresa pretende recortar a xubilación parcial, xa consolidada "desde hai 20 anos"

Tampouco hai acordo na suba salarial, "moi "lonxe" do IPC, di o sindicato nacionalista

Europa Press (Arquivo) Europa Press (Arquivo)
G24.gal 22/05/2026 19:56

O comité de empresa de FCC, concesionaria da recollida de lixo e limpeza viaria do Concello de Vigo, mantén a convocatoria de folga indefinida, que comezará a partir deste domingo, tras non alcanzar un acordo coa compañía na última reunión celebrada este venres.

Nun comunicado, a CIG informou de que nas últimas horas se celebrou o terceiro encontro entre ambas as partes para tentar desbloquear o conflito laboral aberto no marco da negociación do convenio colectivo.

"O paro indefinido previsto a partir do domingo segue adiante, ao insistir a compañía na pretensión de recortar a xubilación parcial e ofrecer unha subida salarial insuficiente", destaca o sindicado, que ostenta a presidencia do comité.

Posturas moi afastadas, afirma a CIG

Segundo explican, as posturas seguen "moi distanciadas" porque a proposta de FCC segue sen consolidar a xubilación parcial, que se iría ata os 63 anos e medio e non aos 63 co 100% da prestación como na actualidade, "un dereito consolidado desde hai 20 anos".

Ademais, critican que a concesionaria pretende unha subida de soldos "moi lonxe" do IPC, cun 0% para este ano, un 1,5% para 2027 e 2028 e un 2% para 2029 e sen revisión salarial, "o que suporía que as nóminas se incrementarían moi por baixo do que o fai o custo da vida".

"En consecuencia, vémonos na obrigación de manter a folga indefinida convocada a partir das 06.00 horas deste domingo, día 24", apuntou o comité, que mostra a súa disposición para "seguir negociando" pero sen renunciar a estas dúas reivindicacións.

O luns, 25 de maio, empregados de FCC concentraranse ante as oficinas da empresa na rúa Tarragona, en Vigo. 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade