A mellora do firme no túnel de Pedrafita obriga ao corte parcial da A-6
Segundo informou o propio Ministerio nun comunicado, o corte levouse a cabo este luns ás 08:00 horas e manterase ata as 20:00 horas do martes 26 de maio na calzada con sentido Madrid
O Ministerio de Transportes informou de que a execución dos traballos para rehabilitar o firme do túnel de Pedrafita manterán parcialmente cortada a Autovía do Noroeste (A-6) entre este luns e o martes -días 25 e 26 de maio-.
Segundo informou o propio Ministerio nun comunicado, o corte levouse a cabo este luns ás 8:00 horas e manterase ata as 20:00 horas do martes 26 de maio na calzada con sentido Madrid (calzada esquerda) da A-6, entre os quilómetros 432,2 e 431,2. Para iso será habilitado un desvío alternativo pola Nacional 6 debidamente sinalizado.
Dese modo, o Ministerio de Transportes continúa executando as obras de mellora e modernización de varios túneles do Porto de Piedrafita, entre os quilómetros 407 e 464,5 da autovía A-6: Cereixal, Doncos, San Pedro e Pedrafita, na provincia de Lugo; e Trabadelo, A Escrita e Vilafranca, na provincia de León.
A actuación no seu conxunto conta cun investimento de 24,7 millóns de euros, dos cales 18,3 millóns de euros proceden dos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR).Nesta partida inclúese a modernización do túnel de Montefurado na N-120.