Regreso ás aulas sen restricións pola covid-19 e coa nova lei de ensino
O curso comeza sen distancias nos comedores e nos patios, e sen grupos burbulla
Fabiola García: "É un curso histórico pola gratuidade da educación de 0 a 3 anos"
A adaptación dos currículos á LOMLOE fai que falten algúns libros de xeito puntual
O vindeiro xoves, 8 de setembro, comezan as clases en todos os centros educativos, xa sen restricións pola covid. O curso comezará con normalidade, sen distancia interpersoal en comedores e patios, nin grupos burbulla.
O gran cambio vén coa aplicación dos novos currículos da normativa LOMLOE, unha lei moi criticada polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que comeza a implantarse nos cursos impares de primaria e nos primeiros de secundaria, bacharelato e ciclos formativos.
O atraso na tramitación dos contidos complica a planificación, apunta o responsable de Educación. Por iso, para a súa aplicación tiveron que corrixir, di, algunhas medidas como os criterios de avaliación.
Román Rodríguez salientou a calidade do sistema educativo galego durante a súa visita ao instituto das Lagoas de Ourense, en obras para mellorar a súa eficiencia enerxética.
Dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica a Xunta leva investidos 112 millóns de euros nos centros educativos.