Publicador de contidos

Publicador de contidos

Primeiros pasos de SAIC en Ferrol: un buque portavehículos chegará en xullo para avaliar o porto

Primeiros pasos de SAIC en Ferrol: un buque portavehículos chegará en xullo para avaliar o porto

A previsión é que o buque, que iría con carga de vehículos para comprobar a operativa no porto ferrolán, chegue o próximo 8 de xullo

Partiu o 1 de xuño do porto chinés de Lianyungang e navega actualmente á altura do estreito de Malaca, en Malaisia

G24.gal 10/06/2026 20:06

 A compañía chinesa de automoción SAIC dá os seus primeiros pasos tras facerse pública a súa decisión de elixir Galicia, en concreto Ferrolterra, para implantar a súa primeira fábrica en Europa.

Segundo fontes coñecedoras da operación consultadas por Europa Press, o grupo chinés mobilizou ao 'Anji Forever', un dos seus buques ro-ro, de Anji Logistic, a súa filial loxística, co obxectivo de que tome contacto por primeira vez e teste a operativa do Porto de Ferrol.

O 'Anji Forever' é un barco construído no ano 2025 con 228 metros de eslora (longo) e 38 de manga (ancho), que porta bandeira de Liberia. Partiu o pasado 1 de xuño do porto chinés de Lianyungang e navega actualmente á altura do estreito de Malaca, en Malaisia.

De cumprirse a ruta prevista, que certifican as plataformas de seguimento satelital de barcos, a previsión é que o buque, que iría con carga de vehículos, para comprobar a operativa no porto ferrolán, chegue o próximo 8 de xullo.

SAIC ratificou, precisamente, o pasado 1 de xuño, de forma oficial a súa decisión de apostar por Ferrolterra para a súa fábrica de coches eléctricos. Fíxoo a través dun comunicado da marca MG, da que é dono o xigante chinés, no que destacaba o paso como "un fito histórico".

Investimento inicial de 200 millóns

Foi na mesma xornada na que o presidente galego, Alfonso Rueda, anunciou tras a reunión semanal do seu Goberno a declaración como proxecto industrial estratéxico da planta, que estaría situada entre Ferrol e As Pontes.

Segundo os datos que proporcionou Rueda, terá un investimento inicial de 200 millóns na súa primeira fase, as obras comezarán en 2027 para estar operativa antes de que termine 2028, creará 2.300 empregos (entre directos e indirectos) e alcanzará unha produción de 120.000 coches ao ano.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade