Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda e os responsables de SAIC reúnense para avanzar na fábrica galega

Rueda e os responsables de SAIC reúnense para avanzar na fábrica galega

A xuntanza celébrase o mesmo día en que a empresa completou con éxito a primeira descarga de coches no porto exterior de Ferrol

Rueda di que a multinacional elixiu Galicia pola súa estabilidade e pola excelencia acreditada na produción automobilística

O primeiro barco portavehículos de SAIC chega a Ferrol

G24.gal 08/07/2026 19:55 Última actualización 08/07/2026 22:28

Reunión en Monte Pío entre o presidente da Xunta e os responsables da multinacional chinesa SAIC. Rueda e os directivos da empresa abordaron cara a cara os seguintes pasos para converter nos vindeiros meses a Galicia na sede da primeira planta de SAIC en Europa. 

Alfonso Rueda di que é importante seguir falando para "ir cumprindo prazos esixentes e moi esperanzadores. É un enorme investimento para Galicia polo que pelexaban moitos países".

Este mércores pola mañá chegaron ao porto exterior de Ferrol os primeiros 700 coches da marca. A operación de descarga completouse con éxito e serviu de ensaio loxístico para a futura fábrica da multinacional chinesa. 

Rueda asegura que SAIC elixiu a comunidade pola "confianza que lles suscitaba a Xunta, pola axuda do Goberno Central e pola excelencia de produción automobilística que houbo sempre en Galicia con empresas moi punteiras que exportan a todo o mundo". 

A implantación de SAIC en Galicia suporá uns 200 millósn de investimento e a creación de 2.300 empregos entre as sedes de Ferrol e As Pontes. 

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao desenvolverá este xoves, cando culminará a descarga dos coches, un acto institucional de recepción á firma chinesa, que terá lugar na dársena exterior de Caneliñas, onde atracou ás seis da mañá deste mércores o buque Anji Forever, fretado pola propia empresa.

Unha gran campa de preto de 19.000 metros cadrados de superficie permite acumular os vehículos, que serán trasladados por estrada á rede de concesionarios de MG, a marca de SAIC que impulsará a factoría de Ferrol.

En declaracións previas ao encontro, Rueda manifestou que se están "vendo os feitos polos que levamos traballando moitísimo tempo" e destacou que a da compañía é unha "aposta dividida en fases", na primeira das cales se proxecta un investimento que rolda os 200 millóns de euros.

O presidente da Xunta de Galicia observou que se van xerar "moitísimos centos de postos de traballo" e que queda "moito por diante, pero o primeiro era a chegada do primeiro barco", considerado como un fito para comprobar as necesidades loxísticas destas tarefas, proceso no que colaborou toda a comunidade portuaria.

"Son coches fabricados, polo de agora, na China, pero empezarán a fabricarse en Galicia; agradezo a implicación dos que estamos traballando para que sexa unha realidade e converter Ferrolterra nun lugar importantísimo", apostilou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade