O primeiro barco portavehículos de SAIC chega a Ferrol
O Anji Forever descarga no Porto Exterior 700 coches
O xoves terá lugar un acto institucional de recepción dos vehículos
O buque Anji Forever, enviado polo grupo automobilístico SAIC para descargar uns 700 vehículos, recalou á primeira hora da mañá deste mércores no porto exterior de Ferrol.
As unidades están sendo retiradas da embarcación a través dunha rampla e trasladadas a unha gran campa, duns 19.000 metros cadrados de superficie, como paso previo ao seu posterior transporte por estrada á rede de concesionarios da marca MG.
TVG
A escala do barco enmárcase nas tarefas preliminares da firma asiática para comprobar os requirimentos loxísticos na dársena como paso previo á construción, na mesma contorna da rada de Caneliñas, da súa primeira fábrica en Europa.
A operación de descarga dos vehículos prolongarase ata este xoves e no operativo están implicadas unhas 45 persoas.
O Anji Forever, un buque portavehículos propiedade de Anji Logistics Co, a filial loxística do grupo SAIC, propietario tamén da marca de automóbiles MG, , partiu o pasado 1 de xuño do porto chinés de Lianyungang. Trátase dun buque Ro-Ro de recente construción, botado en 2025, con capacidade para transportar ata 9.500 vehículos de recente construción.
A embarcación navega baixo bandeira de Liberia e conta con 228 metros de eslora e 38 metros de manga e forma parte dunha nova serie de buques dotados de preinstalación para utilizar metanol como combustible alternativo de baixas emisións.
EFE/Kiko Delgado
Recepción institucional
A Xunta confirmou este luns que o porto exterior de Ferrol albergará este xoves, 9 de xullo, un acto de recepción institucional do primeiro barco portavehículos do grupo SAIC, que recala na dársena como proba da despregadura loxística previa á construción na cidade da súa factoría.
Pero xa esta tarde o presidente da Xunta reunirase con responsables da empresa para falar dos seguintes pasos da multinacional en Galicia.
O Goberno autonómico anunciou que a rada de Caneliñas acollerá a cita desde as doce menos cuarto do mediodía este xoves no salón de actos do Edificio Prioriño da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao.
O buque descargará nas instalacións uns 700 coches da marca MG, que promoverá unha planta nesa mesma contorna e un centro produtivo nas Pontes no marco dun proxecto que prevé xerar ata 2.300 postos de traballo e producir uns 120.000 vehículos ao ano.