O percebe de Veiga, en Asturias, gaña o II Campionato Mundial do Percebe celebrado en Cedeira
O de Cedeira quedou en segunda posición e o de Luarca en terceira
O percebe de Cedeira posuía ata o de agora o título do mellor do mundo, pero xa non é así. O de Veiga, en Asturias, fíxose este ano co Campionato Mundial do Percebe. Iso si, seguido moi de preto do de Cedeira, que logrou o segundo posto.
No certame competiron 26 confrarías.
A variedade de procedencias púxollo difícil a un xurado formado por recoñecidos cociñeiros. Entre eles, o galego con dúas estrelas Michelín Javier Olleros, xefe de cociña do Restaurante Culler de Pau, no Grove: "Non é tan fácil rascar aí e notar as diferenzas, pero hainas".
Nunha cata a cegas, degustaron percebe chegado de 17 confrarías galegas, pero tamén de Asturias, País Vasco, Marrocos, Portugal, Francia, Senegal ou Mauritania.
"A Característica principal é a súa profundidade de sabor, esa retención gustativa que é única", asegura Albert Adriá, cociñeiro con dúas estrelas do Restaurante Enigma de Barcelona.
Bittor Arfinzoniz, cociñeiro do Asador Etxebarri, cualificado como un os mellores do mundo, tamén se refiriu a ese sabor a iodo e a mar do que se goza cando se está comendo é algo que non se coñece con ningún outro marisco.
Cedeira acolleu esta cita, organizada pola Deputación da Coruña, que pon en valor o percebe como produto gastronómico e a súa xente.
"O percebe é algo máis que un produto do mar, é un produto identitario totalmente. A xente asocia o bo percebe con Galicia", sinala Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación Provincial da Coruña.
O terceiro posto foi para Luarca.
Coa poxa dos tres lotes gañadores recadáronse 2.350 euros, que serán doados á Cruz Vermella.