Rueda celebra a aposta de SAIC por Ferrol e ve Galicia como polo europeo en automoción
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, celebrou este xoves a decisión do fabricante chinés de automóbiles SAIC de utilizar o porto de Ferrol como punto de entrada dos seus vehículos en Europa e considerou que este movemento reforza a posición de Galicia como un dos principais polos de automoción do continente.
Rueda pronunciouse desta forma, en declaracións aos medios, despois de coñecerse que SAIC, o maior fabricante de automóbiles da China, elixiu Ferrol para desembarcar os vehículos que actualmente produce no país asiático, no marco da súa estratexia de implantación no mercado europeo.
O presidente galego, que asistiu á toma de posesión de Alfonso Fernández Mañueco (PP) como presidente de Castela e León, interpretou este anuncio como un paso máis dentro da aposta da compañía por Europa e por Galicia en particular.
"É un paso máis que demostra a aposta moi seria que están a facer por instalar a súa primeira fábrica de automóbiles en Europa", afirmou.
Rueda destacou que a decisión tamén supón un apoio ao papel de Galicia dentro da industria automobilística europea, un sector no que a comunidade xa conta cunha longa tradición industrial vinculada o automóbil.
O dirixente autonómico explicou ademais que este movemento encaixa coas perspectivas que manexa o Goberno galego para incrementar a produción industrial vinculada ao sector e atraer novos investimentos relacionados coa fabricación de compoñentes.
"Todas esas perspectivas que con moita prudencia estamos a manexar de crecer e producir pezas nesta comunidade vanse confirmando", sinalou.
Rueda concluíu que a decisión de SAIC supón unha mostra máis da confianza da multinacional chinesa en Galicia e destacou a colaboración que manteñen ambas as partes no desenvolvemento de futuros proxectos industriais vinculados o automóbil.