Ferrol recibe oficialmente a SAIC, que completa a descarga dos primeiros 700 vehículos
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao desenvolverá este xoves un acto institucional de recepción á firma chinesa SAIC, que terá lugar na dársena exterior de Caneliñas, onde atracou ás seis da mañá deste mércores o buque Anji Forever, fretado pola propia empresa.
Nesta xornada vaise completar a descarga dos primeiros 700 vehículos que chegaron no buque este mércores. Unha xornada na que tivo lugar unha xuntanza en Monte Pío entre o presidente da Xunta e os responsables da multinacional chinesa. Rueda e os directivos da empresa abordaron cara a cara os seguintes pasos para converter nos vindeiros meses a Galicia na sede da primeira planta de SAIC en Europa.
A operación de descarga serve de ensaio loxístico para a futura fábrica da multinacional chinesa. Unha gran campa de preto de 19.000 metros cadrados de superficie permite acumular os vehículos, que serán trasladados por estrada á rede de concesionarios de MG, a marca de SAIC que impulsará a factoría de Ferrol.