O tren avariado no Irixo xa foi retirado pero continúan os atrasos
A circulación entre Ourense e O Irixo realízase por vía única con demoras de 20 minutos, segundo Renfe
Cancelados os dous primeiros trens da mañá entre Ourense e Santiago, cuxos viaxeiros foron trasladados por estrada
Por segundo día consecutivo, a circulación ferroviaria en Galicia segue rexistrando atrasos. Segundo informou Adif, o operador das infraestruturas ferroviarias, a avaría na liña Santiago-Ourense que afectou quince trens na xornada deste mércores persiste, polo que se prevén máis incidencias para este xoves, aínda que o convoi xa foi retirado.
Debido a la incidencia con el pantógrafo de un tren ocurrida ayer en O Irixo, los trenes que circulan por la línea de altas prestaciones Santiago de Compostela-Ourense siguen registrando retrasos.
— INFOAdif (@InfoAdif) July 9, 2026
Personal de Adif continúa trabajando para solventar la incidencia lo antes posible.
O tren con saída ás 05:47 horas de Santiago cara á Madrid, a onde debía chegar ás 08:56 horas, saíu da estación compostelá con 80 minutos de atraso. En Adif aclaran que este tren circulou a menos velocidade ao ir detrás dunha exploradora que ía comprobando como estaba o traxecto. Ademais, os pasaxeiros dos dous primeiros trens da mañá entre Santiago e Ourense foron trasladados por estrada, xa que tanto o tren que partía da estación de Santiago ás 06:48 horas rumbo a Ourense como o que saía desta cidade ás 06:55 horas con dirección Compostela foron cancelados.
Nunha mensaxe publicada na rede social X, Renfe informa de que a circulación entre Santiago e Ourense atópase restablecida por unha vía. Como consecuencia desta situación, os trens AVE, Avlo, Alvia, Avant e Rexionais poden rexistrar demoras de 20 minutos ao paso polo punto afectado.
📢 AVISO OURENSE – SANTIAGO
— InfoRenfe (@Inforenfe) July 9, 2026
⚠️ Debido a la demora en los trabajos de reparación de la infraestructura por parte de Adif, tras la incidencia registrada ayer en O Irixo que afectó a la electrificación, durante la jornada de hoy la circulación entre Ourense y O Irixo se realizará…
Traballos durante a madrugada
Adif explicou que tras a incidencia na catenaria que provocou a avaría no pantógrafo dun tren Avlo, na madrugada deste xoves conseguiuse retirar o tren avariado para posteriormente poder acceder á infraestrutura danada.
A este respecto, sinalou que, debido á necesidade de manter a circulación dos últimos trens comerciais procedentes de Madrid, os traballos de reparación tiveron que realizarse durante toda a noite.
Unha vez retirado o tren avariado, precisou que foi necesario restituír temporalmente a tensión nunha das vías para permitir o paso dos últimos servizos e volver cortala posteriormente para continuar coas reparacións.
Con todo, informou de que esta operativa, unida á complexidade técnica da avaría, impediu completar ao 100 % os traballos de reparación durante a noite. Con todo, si espera en que se mellore a circulación respecto á xornada de mércores, aínda que poderían producirse demoras.
Tras os traballos nocturnos, quedou reparada a catenaria entre O Irixo e Santiago, reducindo significativamente o tramo afectado. Con todo, este xoves a circulación realízase en vía única entre Ourense e O Irixo e en vía dobre entre O Irixo e Santiago.
A reparación definitiva, centrada nun desvío de catenaria, está prevista para esta noite, cando finalicen de novo as circulacións. Así, Adif espera que a circulación poida quedar normalizada desde o inicio do servizo deste venres.
Un tren Avlo que cubría a liña entre Madrid-Chamartín e Santiago de Compostela sufriu este mércores pola mañá unha incidencia no Irixo ao quedar enganchado un pantógrafo á catenaria, o cal provocou atrasos en diferentes servizos durante todo o día. O Adif cifrou en aproximadamente 15 os convois afectados ata o momento.
Unhas 3.000 persoas víronse afectadas. Algúns pasaxeiros denunciaron esperas de varias horas en diferentes estacións, mentres os técnicos traballaban para solucionar o problema.