Os descontos estatais para a mocidade permiten facer o Interraíl á metade de prezo
Percorrer Europa en tren é unha das opcións da mocidade galega para celebrar a maioría de idade e o remate do bacharelato
O programa europeo Discover EU seleccionou 3.500 mozos españois que viaxarán de balde
Os mozos de 18 a 30 anos poden viaxar por 33 países de Europa este verán cun billete de tren. O bono Verán Mozo do Ministerio de Transportes subvenciona un pase que se pode usar dez días e distribuír as viaxes como se queira. Por Viena e Budapest andan algúns deles.
"Somos uns rapaces de Vigo que estamos a facer o Interraíl. Nestes momentos estamos no último destino, en Budapest. Decidimos facer esta viaxe ao rematar o segundo de bacharelato e recomendámola moito porque se pasa moi ben cos amigos e coñeces moita xente e diferentes culturas", explican desde Budapest varias rapazas e rapaces.
"Nós decidimos facer esta viaxe porque vimos que era unha forma económica de coñecer máis cidades en pouco tempo. Acabamos de rematar segundo de bacharelato, foi un curso difícil e agora estamos a pasalo ben cos amigos por Europa. O noso percorrido é de dous días por cidade, doce días", din outros desde Viena.
O ano pasado, case un millón e medio de mozos aproveitaron estes bonos para viaxar no verán.
O programa da Unión Europea "Discover EU" seleccionou tamén 3.500 mozos españois para que poidan viaxar gratis durante 30 días.