Publicador de contidos

Publicador de contidos

Fin de semana complicada nas estradas galegas, cunha trintena de sinistros e un motorista falecido

Fin de semana complicada nas estradas galegas, cunha trintena de sinistros e un motorista falecido

O sinistro mortal produciuse en Outeiro de Rei, nunha colisión entre unha motocicleta e un turismo

O 112 rexistrou unha trintena de accidentes durante o serán

As xefaturas de tráfico salientan a alta porcentaxe de atropelos nas estradas galegas

 

G24.gal 19/10/2025 21:26

O accidente máis grave nas estradas galegas esta fin de semana aconteceu onte á noite no concello lucense de Outeiro de Rei. Un motociclista duns sesenta anos falecía no hospital tras unha colisión cun turismo.

No que vai de ano en Galicia xa perderon a vida 75 persoas, pero as xefaturas de tráfico detectaron un dato preocupante: unha alta porcentaxe trátase de peóns. Na provincia de Ourense, por exemplo, a metade dos falecementos en vías interurbanas este ano corresponden a viandantes.

"Na miña provincia (Ourense), de doce falecidos en sinistros de tráfico a metade son atropelos mortais. É moito. Non lembro un ano tan malo en décadas", asegura David Llorente, xefe provincial de Tráfico de Ourense.

A problemática dos atropelos a peóns é un mal endémico de Galicia. A dispersión xeográfica, a proximidade dos lugares ás estradas, a falla de infraestruturas adecuadas e a avanzada idade dos peóns, inciden na alta sinistralidade rexistrada, que este ano xa deixou dez camiñantes falecidos. E a isto súmase a chegada do outono e a diminución da visibilidade.

"A néboa mesta, a choiva copiosa fan que as condicións de visibilidade non sexan as correctas. É cando hai que usar un elemento reflector non só de noite, senón cando non haxa as suficientes condicións de visibilidade, que é o que di a norma", lembra o xefe provincial de Tráfico de Ourense.

O uso dun elemento reflector faise imprescindible nestes casos, pero tamén cómpre a precaución cando diminúe a visibilidade.

De feito, este serán a presenza da choiva puido influír en varios dos 34 sinistros que rexistrou o 112, un deles na autoestrada AP-9, á altura do concello coruñés de Cambre. Dous turismos implicados e unha persoa ferida, aínda que afortunadamente, de carácter leve.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade