Publicador de contidos

Publicador de contidos

Desartellada unha rede que explotaba sexualmente mulleres en Oviedo e liberadas 8 delas

Desartellada unha rede que explotaba sexualmente mulleres en Oviedo e liberadas 8 delas

As vítimas, son mulleres de orixe suramericana, que adquirían unha débeda de 6.000 euros, que debían saldar exercendo a prostitución cunha dispoñibilidade de 24 horas ao día

Hai cinco persoas detidas, tres en Madrid e dúas en Oviedo; entre elas está unha muller que era a principal responsable da organización

A responsable da rede e outra das persoas detidas xa están en prisión

G24.gal 18/10/2025 09:54 Última actualización 18/10/2025 11:00

A Policía Nacional, en colaboración con Interpol e a Policía de Colombia, desenvolveu unha operación contra a trata de seres humanos. Nesta operación lograron desartellar unha organización criminal dedicada á explotación sexual de mulleres e lograron liberar oito delas que eran prostituídas en pisos de Oviedo.

A Dirección Xeral da Policía Nacional informou este sábado de que as vítimas, de orixe suramericana, eran captadas nos seus países de orixe mediante falsas promesas de traballo en España e adquirían unha débeda de 6.000 euros, que debían saldar exercendo a prostitución con dispoñibilidade as 24 horas do día, sete días á semana.

Na operación foron detidas cinco persoas, tres delas en Madrid e dúas en Oviedo, entre as que figura a xefa principal da organización, que ingresou en prisión provisional xunto a outra das persoas arrestadas.

 

As mulleres eran captadas nos países de orixe con falsas promesas de traballo

A investigación policial comezou en marzo de 2025 a raíz da denuncia de dúas vítimas; o seu testemuño permitiu descubrir a existencia dunha rede perfectamente estruturada asentada en Madrid e Oviedo que captaba mulleres no seu país de orixe mediante engano e promesas laborais falsas, aproveitándose da súa situación de vulnerabilidade económica.

Unha vez recrutadas, a organización facilitáballes toda a loxística necesaria para o traslado a España, incluído a tramitación de pasaportes e os billetes de avión.

Ao chegaren, as mulleres eran informadas de que contraeran unha "débeda" de 6.000 euros, que debían saldar a través do exercicio forzoso da prostitución.

Controladas, coaccionadas e prostituídas en pisos de Oviedo

Xa en España, as mulleres eran aloxadas en diversos pisos utilizados como prostíbulos situados en Oviedo. Ao chegaren, retirábanlles os pasaportes como medida de coacción e garantía do pago da suposta débeda.

Segundo a Policía, as condicións impostas eran abusivas e degradantes, xa que as mulleres debían estar dispoñibles as 24 horas do día, os sete días da semana e sen posibilidade de rexeitar ningún cliente. Por cada servizo sexual prestado estaban obrigadas a entregar o 50% da ganancia á persoa que actuaba como a súa captadora, quen á súa vez mantiña contacto cun intermediario encargado da publicación de anuncios en Internet e da xestión de citas.

As vítimas tamén debían aboar 380 euros semanais en concepto de alugueiro de habitación e pagar tarifas adicionais polas sesións fotográficas utilizadas para a súa promoción en plataformas dixitais.

A súa liberdade de movemento era practicamente inexistente. Só podían saír do domicilio en momentos concretos, baixo supervisión ou con autorización expresa, e unicamente para realizar compras básicas en comercios próximos.

Nalgúns casos, cando os clientes solicitaban consumo de cocaína durante os servizos, as propias vítimas contactaban coa xefa do grupo, quen coordinaba a entrega da droga.

 

Rede completamente desmantelada

O operativo policial culminou coa detención de cinco persoas, todas elas investigadas por delitos de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, prostitución coactiva, contra os dereitos dos cidadáns estranxeiros e tráfico de drogas.

Realizáronse cinco rexistros, catro en Oviedo e un en Madrid, correspondentes a dous domicilios particulares e tres pisos utilizados para a explotación.

Neses rexistros interviñéronse diversas cantidades de droga, numerosa documentación de interese policial e material informático.

Os investigadores contaron nesta operación coa colaboración da ONG Our Service

 

Coa trata non hai trato

No Día Europeo contra a Trata de Seres humanos, a Policía Nacional lembra que conta coa liña telefónica 900105090 e o correo trata@policia.es para facilitar a colaboración cidadá e a denuncia, anónima e confidencial deste tipo de delitos.

A chamada non queda reflectida na factura telefónica.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade