Cine de estrea en San Xoán de Río coma en Madrid ou Barcelona
Por primeira vez puideron ver a mesma película ca a de salas das capitais e para a veciñanza foi toda unha experiencia
É unha iniciativa da alcaldía en colaboración cos cines Verdi e o Ministerio de Cultura
O obxectivo é achegar o cinema de estrea ao rural grazas ás novas tecnoloxías
A veciñanza do pequeno municipio ourensán de San Xoán de Río gozou dunha sesión de cinema de estrea, e puideron ver a mesma película que estrean nos cines Verdi de Madrid e Barcelona. É unha experiencia piloto que trata de levar as grandes estreas ás zonas do rural, onde nin sequera teñen un cine.
As mulleres de San Xoán de Río son as que lle axudaron ao seu alcalde a converter o salón de plenos nunha pequena sala de cine. Prepararon uns flocos de millo e unhas lambetadas para a veciñanza que acudiu ver a película. "Un obsequio para que se animen a vir máis veces, porque supoño que haberá máis veces", conta Manola, unha das veciñas de San Xoán de Río.
Con esta iniciativa piloto en colaboración cos cines Verdi e o Ministerio de Cultura, en San Xoán de Río puideron ver por primeira vez unha película de estrea.
"As novas tecnoloxías permítennos a día de hoxe ter cousas que antes só estaban nas cidades. e a través do 'streaming' podemos pór cine simplemente tendo unha boa conexián a Internet. O que nos diferencia hoxe é que esta película que imos ver só se pode ver nos cines Verdi de Madrid, Barcelona e en San Xoán de Río, porque é cinema de estrea", explica Xosé Miguel Pérez, o alcalde de San Xoán de Río.
Aínda que hoxe a pantalla non é tan grande coma a dun cine, a sensación e a experiencia –din– é unica. E a veciñanza toda está moi contenta con esta iniciativa.
"Para todo, os maiores, pero sobre todo os nenos están moi contentos porque queren ver a película", comenta unha das mulleres que asistiu a ver o filme.
"Mellor imposible, polo menos aínda que sexamos do rural temos a alternativa de que nos cheguen aquí estreas", engade outra.
"Polo menos que nos traian as cousas á localidade e non temos que ir fóra", subliña outra veciña.
Ese é o obxectivo: achegar o cinema ao rural. E o ciclo comezou coa proxección da película francesa A primeira Escola, que ten moito que ver co ruralismo e o seu xeito de vida.
