Arrinca o XXIII Festival de Cans coa proxección de '8', a nova película de Julio Medem
Mostraranse este ano máis de 100 obras, con 30 estreas e 25 actuacións musicais
Haberá 35 curtametraxes en competición nas diferentes seccións oficiais e outras 20 pezas no certame de videoclips
A bailarina e actriz porriñesa Janet Novás, Chimpín de Prata desta edición, participará na inauguración oficial este xoves
Imaxe da presentación aos medios do programa da XXIII edición do festival (Juan Pablo González Santos / Festival de Cans)
A XXIII edición do Festival de Cans arrinca este martes coa proxeción de 8, a nova película de Julio Medem con Javier Rey e Tamar Novas no reparto, nunha xornada inaugural que se centrará nos oficios "invisibles" do cine e que incluirá unha homenaxe a Celso Bugallo.
O evento, que terá lugar entre o 19 e o 23 de maio, acollerá o visionado de máis de 100 obras, con 30 estreas e 25 actuacións musicais, segundo informa a organización.
O primeiro día do festival empezará ás 10:00 horas coa inauguración da tradicional Rúa Efémera Celso Bugallo, situada no camiño do Jalpón de Aurora, nas proximidades do Torreiro de Cans, no Porriño.
A organización recordou que o actor (Sanxenxo, 1947-Pontevedra, 2025) foi unha das figuras máis queridas e recoñecidas do audiovisual galego cunha extensa traxectoria no cine, o teatro e a televisión.
Durante toda a semana se proxectarán diferentes obras e haberá 35 curtametraxes que competirán nas diferentes seccións oficiais, e outras 20 pezas na sección de videoclips, ademais de varias seccións paralelas, entre elas, o avance da serie documental El balance de los daños, sobre a fin do grupo Siniestro Total, coa presenza do director Mikel Clemente e de Julián Hernández.
Entre os nomes destacados figura o cineasta Julio Medem, unha das referencias do cine español contemporáneo. Cunha traxectoria de máis de tres décadas e títulos como Vacas, La ardilla roja ou Lucía y el sexo, Medem participará no coloquio central do Torreiro e colocará a súa estrela.
La inauguración oficial terá lugar o xoves 21 no Círculo Recreativo coa película La buena hija, de Júlia de Paz, coa presenza da directora, dos actores Janet Novás -Chimpín de Prata deste ano- e Julián Villagrán, e do productor Sergio Grobas.