Unha investigadora de Ribeira pon de moda nos EUA unha peli muda galega de 1924
Estíbaliz Santamaría, profesora de literatura na Universidade de Florida, fixo a súa tese sobre 'A casa da Troia'
É a primeira adaptación da novela homónima de Pérez Lugín que el mesmo produciu para o cine xunto con Manuel Noriega
Estíbaliz Santamaría (@unhanoite) divulga nos EUA os segredos deste filme galego de 1924. En pequenas pílulas, nas redes sociais, desvélanos os segredos da gravación da que foi toda unha superprodución do cine mudo. Como o travelling que fixeron desde un vello Ford T ao que lle desmantelaron a capota e lle cambiaron as rodas por unhas de ferro.
Natural de Ribeira, Estíbaliz Santamaría, a comisaria da exposición leva tres anos de profesora universitaria nos Estados Unidos. E foi revelando, plano a plano as anécdotas e os emprazamentos da adaptación ao cine que o propio Lugín como produtor e Manuel Noriega na dirección fixeron da novela.
"Houbo cinco películas a partir de novela en só catro décaddas, a última xa en cor e co galán do cine español Arturo Fernández. Pero estamos falando da primeira, unha superproducción do cine mudo que, temos a gran sorte, se conserva íntegra a día de hoxe", explicou.
A expo coa intrahistoria de filme está agora en Padrón. Fotogramas con anécdotas da vida universiaria, das escapadas dos estudantes por Galicia adiante, rúas de Santiago ou de Padrón tal e como eran hai un século. E tamén vestixios do impacto mediático que tivo a nivel internacional.
Nuns meses vaise proxectar aquí, con música en directo. Coa presenza dunha peza moi especial.
"Unha noite na eira do trigo", que foi o tema musical do que analicei a historia na miña primeira tese. Eu tiña dúbidas se xa se usaba nos anos vinte do século pasado e aquí vemos no textos os versos. Iso significa que era un tema recoñecido polo público" , dixo Estíbaliz Santamaría, a comisaria da exposición.
Imaxes que nos impactan hoxe, pero que supuxeron unha verdadeira sacudida para os emigrantes en América dos anos 20 do século pasado, que con orgullo asistiron ao éxito do cine galego nas grandes pantalllas de Nova York.