Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cupeiro agradece a implicación da xente na recuperación do instrumento que lle roubaron

Cupeiro agradece a implicación da xente na recuperación do instrumento que lle roubaron

O músico cóntanos como volveu ás súas mans a gaita irlandesa que lle roubaron en Murcia

G24.gal 19/10/2025 20:57

O músico de Sarria Abraham Cupeiro compártenos a súa experiencia despois de que lle roubaran unha gaita irlandesa en Murcia. O roubo produciuse o 6 de outubro, cando asaltaron o furgón que transportaba unha maleta coa gaita irlandesa de Cupeiro; un dos 45 instrumentos que forman parte do seu espectáculo Resoando o pasado.

Os instrumentos musicais viaxan sempre co músico sarriao, agás a gaita irlandesa, que a manda nun furgón de mensaxería e que foi a que sufriu o roubo.

Segundo nos conta o propio musico, a recuperación da gaita foi digna dunha serie, por capítulos. Primeiro apareceu unha caixa con parte do instrumento nunha maleta abandonada nunha rúa en Murcia. Un veciño viu a maleta na rúa e chamou a Policía. Cando a Policía abriu a maleta, o veciño decatouse de que na maleta ía un disco de Cupeiro. O veciño, digno investigador, enviou unha mensaxe por Instagram a Cupeiro, relata o músico ampliando a peripecia de como recuperou a maleta en obxectos perdidos da Policía.

Ao recoller o instrumento, Cupeiro decatouse de que faltaba unha peza. Días despois atoparon outra parte do instrumento nunha tenda de segunda man da capital murciana.

Foi un profesor do conservatorio o que se decatou de que esa peza posiblemente podería ser a que faltaba do instrumento roubado de Cupeiro. Contactou co seu círculo a través das redes sociais e, efectivamente, esa era a peza que faltaba.

Así foi o xeito no que Abraham recuperou a gaita irlandesa roubada, un dos máis de corenta instrumentos dos que se acompaña nos seus concertos.

Esta gaita irlandesa non é o primeiro instrumento que lle roubaron. O ano pasado tamén quedou sen unha pluma de voitre que empregaba como instrumento musical.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade