Rodrigo Paz Pereira, nado en Compostela, presidente electo de Bolivia
O senador centrodereitista, fillo do exmandatario Jaime Paz Zamora e da santiaguesa Carmen Pereira Carballo, impúxose na histórica segunda volta
Segundo os resultados preliminares do Tribunal Electoral, fíxose co 54,57 % dos votos, polo 45,43 % do expresidente conservador Jorge Tuto Quiroga
É o primeiro presidente en dúas décadas que non pertence ao esquerdista Movimiento al Socialismo (MAS), o partido de Evo Morales
O senador opositor centrista Rodrigo Paz Pereira gañou a segunda volta deste domingo co 54,57 % dos votos, segundo a información preliminar difundida polo Tribunal Supremo Electoral de Bolivia con pouco máis do 97 % das actas procesadas. Paz obtivo esa porcentaxe fronte a un 45,43 % do exmandatario conservador Jorge Tuto Quiroga (2001-2002), segundo os datos do Sistema de Transmisión de Resultados Preliminares ofrecidos esta noite polo TSE, co 97,68 % das actas computadas.
Os votos válidos alcanzan o 94,56 %, os brancos un 0,75 % e os nulos un 4,69 %, de acordo á información preliminar, que non é o cómputo oficial, aínda que o presidente en funcións do TSE, Óscar Hassenteufel, indicou que estes resultados mostran unha tendencia que parece ser irreversible. Segundo Hassenteufel, o nivel de participación cidadá na segunda volta estivo entre o 85 e 89 %, un dato que se confirmará unha vez que se conclúa o cómputo oficial.
O vogal valorou que o Sirepre, que xa deu moi bos resultados na primeira rolda realizada o pasado 17 de agosto, tamén cumpriu eficazmente a súa función. Ratificou que a xornada de votación foi tranquila, transcorreu sen incidentes maiores e permitiu que todos os cidadáns exerzan o seu dereito ao voto.
Paz e Quiroga foron os dous candidatos máis votados nas eleccións xerais de agosto, nas que tamén se renovou o Parlamento nacional para o próximo quinquenio, aínda que ningún obtivo a porcentaxe suficiente para proclamarse vencedor na primeira volta. Por iso este domingo os bolivianos volveron ás urnas para elixir por primeira vez na súa historia o seu presidente e vicepresidente nunha segunda volta, mecanismo establecido na Constitución vixente desde 2009.
Paz é candidato polo Partido Demócrata Cristiano (PDC) xunto ao expolicía Edman Lara, e Quiroga representa a Alianza Libre xunto ao emprendedor tecnolóxico Juan Pablo Velasco. O gañador tomará xuramento como novo presidente do país o próximo 8 de novembro, o cal supoñerá tamén a fin dos 20 anos dos Gobernos do esquerdista Movemento ao Socialismo (MAS).